Feijóo agarda aliviar carga burocrática en Atención Primaria cos médicos sen especialidade

A Xunta ve "posible" a solución de automatizar as altas, pero considera que a medida debe ser "homoxénea" para todo o Estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2022 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu a vía de contratar médicos sen especialidade "polo menos durante as próximas semanas" co fin de que exerzan como "técnicos de saúde" e poidan aliviar a carga burocrática na Atención Primaria ao "desbloquear" altas e baixas nun contexto marcado pola alza dos contaxios de covid-19.

Feijóo, en rolda de prensa.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
Feijóo, en rolda de prensa.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

En declaracións aos medios en Carballo, o presidente defendeu que a Xunta leva "máis dun ano" advertindo do "problema de falta de médicos" que existe no Sistema Nacional de Saúde. Apuntou que se fixo nos distintos "foros" de interlocución, como a Conferencia de presidentes ou o Consello Interterritorial de Saúde ou o Parlamento.

"Necesitamos máis médicos porque cada vez que un se xubila, está de baixa ou en exercicio do seu dereito vacacional non podemos substituílo en moitos casos", explicou, antes de lembrar que Galicia pediu un MIR extraordinario para médicos de familia e pediatras de Primaria, ou que se activen "ao máximo" as validacións de títulos de médicos especialistas formados noutros países.

"Pedimos un incremento de médicos en formación para poder atender os problemas derivados da falta de facultativos, pero non fomos, non se se escoitados, pero non atendidos nas nosas propostas", lamentou, antes de incidir en que o plan do Goberno de contratar a médicos xubilados está "ben", pero resulta insuficiente.

Non en balde, apuntou que os médicos xubilados teñen a súa propia problemática característica. "Veñen traballar se o consideran oportuno ou algúns se poden considerar poboación vulnerable pola súa idade", apuntou, antes de engadir que, aínda así, en Galicia cóntase con "80 ou 85 novos médicos xubilados".

UNHA SITUACIÓN "NUNCA" VISTA EN ESPAÑA

"E adicionalmente expuxemos poder contratar licenciados en Medicina, que non especialistas, para poder desbloquear as altas e baixas médicas, aínda que non fagan clínica", sinalou o presidente galego, en relación a esta opción que xa fora avanzada no seu día polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

"Imos ver cantos podemos contratar para que polo menos as próximas semanas podamos ir desbloqueando baixas médicas que son determinantes e que só corresponde a un facultativo prescribir. Cremos que estes médicos non especialistas non exercerán actividade clínica, pero si actividade reservada a médicos no ámbito administrativo e ir desbloqueando", sentenciou.

Non en balde, nas súas declaracións, Feijóo aludiu ás "5.000 ou 6.000 baixas" diarias que se tramitan en Galicia, "100.000 en España", por mor da pandemia, unha situación que "nunca se viu" ata o momento. Por iso, en pleno debate sobre a "gripalización", apelou a ser "moi cautos" e pediu que "non se banalice a situación".

A XUNTA, A FAVOR DE AUTOMATIZAR AS ALTAS

Nesta mesma xornada, tras visitar o punto de vacinación de Pontevedra xunto á ministra de Defensa, Margarita Robles, o conselleiro de Sanidade remarcou, ademais, que "se está valorando" a posibilidade de tramitar as baixas e altas por covid-19 no mesmo momento, "para axilizar máis así, se cabe, o traballo dos médicos en Primaria".

Comesaña explicou que foron os propios empresarios os que expuxeron esa posibilidade a semana pasada e debater esta mesma tarde no Consello Interrterritorial ao que, sinalou, unirase ao acabar a visita. "Comentáronse distintas solucións, e cremos que esta é posible. Pero queremos que a medida sexa homoxénea para todo o Estado e conte co aval do Ministerio de Sanidade e, sobre todo, co de Traballo", explicou o conselleiro.

Andalucía, Asturias, Cataluña, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana, Galicia e Murcia son as sete autonomías que xa estableceron estratexias para axilizar as baixas e altas laborais por coronavirus co obxectivo de desatascar o colapso da Atención Primaria.

A explosión de contaxios por coronavirus nesta sexta onda ocasionou unha avalancha de baixas laborais que está a saturar a Atención Primaria, encargada de tramitalas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta