Morre Miguel Fernández, un dos grandes curas galeguistas de Galicia e defensor do mundo rural

Estivo moi implicado no impulso e artellamento do sindicalismo agrario en Galicia, especialmente na Limia e enfrentouse co bispo Ángel Temiño por non deixarlle oficiar na lingua que falaba o pobo.

Por Galicia Confidencial | Vilar de Santos | 12/01/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Morreu Miguel Fernández Grande, crego de Parada de Outeiro, en Vilar de Santos. Miguel non era un crego calquera. Era un deses curas que fai escola, e amigos. Quen o coñece di del que era “boa persoa” e “bo sacerdote”. Un dos grandes curas galeguistas da provincia de Ourense que, ademais, falaba coa xente do pobo no idioma da xente do pobo.

Miguel Fernández Grande, á esquerda, con todos os rexedores de Vilar de Santos desde a Democracia
Miguel Fernández Grande, á esquerda, con todos os rexedores de Vilar de Santos desde a Democracia

 

Miguel Fernańdez exerceu de cura en Ribadavia e Parada de Outeiro (Vilar de Santos), dede 1959 a 1918. Estudio no Seminario de Ourense e Teoloxía en Comillas e oficiou a primeira misa en nadal de 1959. No seminario menor de Ourense foi profesor de Latín e de Música.

 

Ademais estivo moi implicado no impulso e artellamento do sindicalismo agrario en Galicia, especialmente na Limia, cofundador do SAGA (Sindicato Agrario Galego), a mediados da década dos 70. Tamén foi impulsor das primeiras candidaturas democráticas nas eleccións municipais en Vilar de Santos.

Homenaxe que lle fixeron ao cura Miguel Fernández Grande os seus fregueses de Parada, en Vilar de Santos
Homenaxe que lle fixeron ao cura Miguel Fernández Grande os seus fregueses de Parada, en Vilar de Santos

 

Foi, ademais, colaborador da revista Encrucillada, vinculado a cristiáns para o socialismo e fervente seguidor, ao pé da letra, das liñas máis sociais e midernizadoras do Concilio Vaticano II na Igrexa católica.

 

Unha bagaxe social e relixiosa que lle fixo merecedor en 2009, e por petición popular, do seu nomeamento como fillo adoptivo de Vilar de Santos. Tamén foi Premio Freire Carril da Asociación Agromadas de Seixalvo (2018)  “como recoñecemento ao labor social dunda vida adicada á defensa da cultura, o idioma e a dignificación e mellora do benestar das persoas do rural".

 

DEFENSOR DO RURAL E DO GALEGO

 

Miguel Fernández caracterizouse, ademais, pola defensa do mundo rural e do idioma galego, lingua coa que exercía o sacerdocio desde o mesmo día que chegou a Parada de Outeiro, o 30 de agosto de 1969. Ademais, nunca cobrou por ningunha das funcións litúrxicas e non admitía a presenza doutros curas nos funerais.

 

Nunha visita á parroquia de Parada, o bispo Temiño dixo na misa: “Ordeno, mando y exijo que se paguen los estipendios de la Iglesia”. O bispo dirixiase aos veciños, pero obviamente o recado era para o cura, que nunca lle fixo caso.  Nunha entrevista que lle fixo Alberto Rivero para a Nosa Terra, manifestaba que no ano 1959 lle pedira permiso ao Bispo, Ángel Temiño, para oficir a misa en galego cos compañeiros de curso e, ao non darlle permiso, “ao partir dese día, decidín non pedirllo nunca máis”.

 

REACCIÓNS

 

Tras o seu pasamento foron moitas as voces que lembran a este gran cura ourensán. Así, Camilo Modesto Domínguez Fernández, ex cura, amigo, compañeiro, cofundador do SAGA, Sindicato Agrario Galego, destaca del que “foi un crente, un galego íntegro, un gran músico anónimo e un gran pensador de ´utopías posíbéis´”.

 

O ex vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, lembra que foi “cura galeguista e de compromiso insobornábel coa causa labrega e coa xustiza social” e lembra que “hai 40 anos Miguel exercía de pai mitolóxico dos rapaces que pretenciamos erguer o nacionalismo galego en Ourense”. “Morreunoos o pai, quédanos o seu consello”, asegura.

 

Virxilio Rodríguez Silva, excura, amigo, un dos tres expulsados de Ribadavia, conxuntamente con Miguel e Xosé Benito Sieiro) compañeiro de Miguel en Rivadavía, destaca del que foi un “home auténtico, sempre construíndo comunidade”.

 

Sabela Rodríguez Jardón, ensinate xubilada, amiga, da parroquia de Parada de Outeiro, ex tenente de Alcalde de Vilar de Santos, apunta que “co seu canto armonioso, co seu sorriso permanente e na dozura do sosego que agarimaba sempre. Como un cruceiro de Pedra2.

 

Xan Jardón,  alcalde de Vilar de Santos, lembra que foi “un home bo, tolerante e cheo de compromiso, dignidade e autoestima. Na memoria sempre”. Manolo Conde, alcalde de Vilar de Barrio, lugar de nacemento de Miguel, destaca que “tiña a Serra de San Mamede como refuxio para as súas reflesións. Vilar de Barrio Perde un referente”.

 

 Antón Jardón, ex alcalde de Vilar de Santos, amigo e cofundador, xuntamento con Miguel e outros galegos, do SAGA destaca que ensinou “o significado da nosa cultura e do noso idioma aos que sempre falabamos en galego, a ser solidarios e veciños dos veciños, os que nunca deixaramos de selo e a ser galegos os que nunca foramos outra cousa”.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ricardo R.

Los comentarios de ex-curas, políticos del BNG y demás son para enmarcar, incluyendo la fácil crítica a Temiño. Como cristiano deseo que descanse en paz. Pero lo que dan a entender estos señores es que este hombre era ante todo un político/sindicalista más. ¿Por qué los curas en Galicia, de una tendencia u otra, están implicados en tantas causas políticas, sindicales o empresariales, en lugar de estar dedicados a lo de ellos?