España comezará a vixiar a Covid-19 como unha enfermidade endémica tras a sexta onda

A ministra de Sanidade argúe que "a enfermidade pandémica aos poucos vai adquirindo características de endemia".

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 12/01/2022 | Actualizada ás 20:39

Comparte esta noticia

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, anunciou que España comezará a cambiar o sistema de vixilancia e control da Covid-19 unha vez se supere a sexta onda, "nunca antes", xa que "a enfermidade pandémica aos poucos vai adquirindo características de endemia".

A ministra de Sanidade, Carolina Darias
A ministra de Sanidade, Carolina Darias | Fonte: E. Parra. POOL - Europa Press.

"Resulta evidente que, a pesar desta sexta onda, a situación non é igual a outras ondas anteriores. As altas coberturas vacinais, a presenza cada vez máis alta de Ómicron e as incidencias que tivemos están a cambiar progresivamente a epidemioloxía da Covid-19", expresou Darias, que lembrou o impacto das vacinas nesta transformación da pandemia.

Ante este cambio, Darias puxo de relevo a necesidade de "anticipar novos escenarios". "Por iso, temos que comezar a valorar a adaptación a un novo sistema de vixilancia e control da Covid-19 unha vez superada a sexta onda, nunca antes", engadiu a ministra.

Así, engadiu que este proceso de valoración xa o están iniciando as persoas expertas do Relatorio de Alertas e, ao mesmo tempo, anunciou que xa se está promovendo esta discusión "de novos horizontes" cos socios europeos, "para determinar as mellores opcións para enfrontarnos a unha enfermidade pandémica que gradualmente vai adquirindo características de endemia", remachou Darias.

"Todo apunta a un cambio de vixilancia da emerxencia a unha vixilancia sostida, que se fará da man de expertos e de maneira conxunta con quen conformamos o SNS", sinalou Darias, para destacar que, na reunión do CISNS de hoxe "moitos pedían esta nova métrica ao finalizar a sexta onda".

Así, Darias incidiu en que Ómicron esta sendo unha variante máis leve que as anteriores, xa que, dos casos infectados entre o 13 e o 26 de decembro, foran hospitalizados menos do 2 por cento, unha cifra menor que o 6 por cento notificado nos dous meses anteriores e que difire tamén do 8 por cento rexistrado na terceira onda de xaneiro de 2021. "Esta mesma evolución descendente obsérvase na probabilidade de ingreso en UCI e na letalidade en todos os grupos de idade", engadiu a ministra de Sanidade.

No entanto, advertiu de que os casos de Covid de onte xa ocupan o 13 por cento de camas hospitalarias e o 23 por cento da UCI, "pero non superan de momento o observado na terceira onda, hai un ano, a pesar de ter agora incidencias tres veces superiores que aquel tempo", detallou Darias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta