O Goberno ábrese a buscar un novo emprazamento a ENCE e pide a colaboración da Xunta

Así o apuntou a vicepresidente terceira Teresa Ribera nunha visita á localidade coruñesa do Burgo, onde un grupo de persoas se mobilizou para expresar o seu rexeitamento aos "macroeólicos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2022 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, pediu a "implicación" da Xunta para atopar un novo emprazamento para a planta de Ence en Pontevedra. A preguntas dos xornalistas, coincidindo coa súa visita á ría do Burgo, en Culleredo, sobre o futuro de Ence, defendeu a procura dun novo emprazamento.

"É unha cuestión na que estamos a traballar", dixo aludindo, ademais, á sentenza que anula a prórroga da concesión e á "preocupación" existente por parte dos traballadores. "A nosa aposta é axudar na maior medida posible a atopar un emprazamento, facilitar ese traslado sabendo que detrás hai moitas persoas que traballan directamente na planta e unha economia forestal que nos interesa enormemente", apuntou. Ao fío diso, dixo que é "capital" que haxa unha "implicación forte por parte da Xunta e dos concellos que, no seu caso, puidesen ser aqueles espazos onde se acolla nova instalación".

A ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, participan nunha reunión con empresarios. M. Dylan - Europa Press
A ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, participan nunha reunión con empresarios. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

ENERXÍAS RENOVABLES

Ribera reivindicou, ademais, a "oportunidade" para Galicia dunhas enerxías renovables con "respecto ao territorio". Nun encontro mantido na Delegación do Goberno en Galicia, a ministra presentou a 11 empresas e asociacións o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica de Enerxías Renovables e Almacenamento (PERTE ERHA), con 6.900 millóns de euros de fondos públicos.

Na reunión, Ribera agradeceu o interese demostrado por Galicia, que presentou 195 propostas ás distintas Manifestacións de Interese lanzadas polo Ministerio, con proxectos vinculados a un investimento superior a 23.500 millóns. Entre eles, hai proxectos de hidróxeno renovable. "Presentamos toda a iniciativa de innovación en hidróxeno verde, en almacenamento, en novas evolucións de enerxías renovables e escoitamos as súas preocupacións", dixo sobre o contido da reunión.

PROTESTA

Coincidindo coa visita que a ministra fixo á ría do Burgo, en Culleredo, un grupo de persoas mobilizáronse para expresar o seu rexeitamento aos "macroeólicos". Fixérono portando pancartas como 'O noso rural, o patrimonio da nosa terra' ou 'Aldeas libres de macroeólicos'.

Tras o acto de presentación das obras de dragado na ría do Burgo, a ministra achegouse ás persoas que protagonizaban a protesta, quen lle expuxeron o seu malestar por non ser convocados á reunión da Delegación do Goberno e trasladáronlle as súas demandas e rexeitamento a proxectos que, ao seu xuízo, "atentan" contra o rural galego e o medioambiente. Teresa Ribera cualificou de "preocupación lexítima" a súa demanda, pero recalcou que non se fala neste caso de "todo ou nada". "Hai moito proxecto que se presentou", dixo tamén apelando a que deben cumprir coa normativa.

EÓLICA MARIÑA

A ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico rexeitou, iso si, o "temor" á eólica mariña, ao ser preguntada polas protestas de pescadores do Cantábrico. No entanto, apelou a falar cos "actores" implicados, entre eles as confrarías; e apuntou que "deberá ser moi probablemente flotante". "Non son estruturas fixas, poderanse desprazar", argumentou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta