O PP rexeita que Comesaña dea conta no Parlamento sobre a "crise" da Atención Primaria

A petición veu do BNG, que destaca que "sobran as razóns" para esa comparecencia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2022 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

O PPdeG rexeitou que se celebre un pleno extraordinario do Parlamento galego no que compareza o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, despois de que o BNG urxise a que dea conta da situación "límite" na atención primaria, en especial en relación coa directriz de restrinxir a actividade en 14 centros de saúde da área de Vigo nun contexto de pandemia.

Este xoves na deputación permanente, o órgano reitor o Parlamento autonómico en períodos inhábiles, o portavoz popular na Cámara, Pedro Puy, acusou á oposición de "distorsionar a realidade", pois defendeu que a decisión de limitar a atención a só casos covid e de urxencia neses 14 centros "tomouse co apoio e a petición dos propios profesionais", os cales "o solicitaron".

Así mesmo, Pedro Puy sinalou que o conselleiro de Sanidade comparecerá no primeiro pleno ordinario de 2022 a petición do Goberno galego, coa "máxima transparencia". Ademais, subliñou que "se tomaron moitas medidas" por parte da Xunta para "eliminar carga de traballo en atención primaria", tales como a posta en marcha dos 'covidauto', unha central de seguimentos de contactos, acordos con farmacias e establecer puntos para facer test. Xunto a isto, Puy lembrou o contexto de "explosión" de casos na sexta onda, ao que se sumaron as vacacións e contaxios de profesionais. "Parece que hai unha 'Galemia' no canto dunha pandemia", dixo sobre as críticas da oposición.

BNG: "SOBRAN AS RAZÓNS"

Pola súa banda, a deputada do BNG Montse Prado queixouse de que "sobran as razóns" para que compareza Comesaña nun pleno extraordinario, dada a situación "máis que extrema" da sanidade galega e para que explique a decisión de restrinxir a actividade asistencial en 14 centros da área viguesa, o que "fixo saltar absolutamente todas as alarmas".

A este respecto, Prado sinala que, tras esa circular da Consellería, ao PP non quedou " outra que asumir o desastre" que se vive na atención primaria, "un colapso" que achaca ás políticas sanitarias dos populares. Así, relatou diversos exemplos de que os populares "desmantelaron atención primaria e agora as costuras non dan para máis". Entre outros, citou que en Vilagarcía hai catro médicos dos 14 que debería haber, nas Neves estiveron "sen médico durante días" e no Rosal son "cantidade de días con cero médicos".

Pola súa banda, Gonzalo Caballero (PSdeG) lamentou que durante "moitos anos o PP aplicou políticas sanitarias que non fortaleceron a atención primaria", o que deu lugar a unha "deficiencia estrutural". Por tal motivo, avisa de que a Xunta ten que "tomar medidas e, sen dúbida, comparecer". Alerta de que hai listas de espera de ata 20 días para asistir ao médico de cabeceira, á vez que apunta ao "fracaso" da volta á presencialidade.

Deputación permanente do Parlamento galego. PARLAMENTO
Deputación permanente do Parlamento galego. PARLAMENTO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta