A Xunta irá aos tribunais se Sánchez non responde o seu requirimento polos fondos europeos

Feijóo asegura que, a diferenza de Madrid, optouse por "dialogar" pero se non hai resposta ou é "negativa" acudirase á vía xurisdicional

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2022 | Actualizada ás 15:59

Comparte esta noticia

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, revelou este xoves que o pasado mes de decembro o Executivo autonómico remitiu ao Goberno un requirimento, aprobado polo Consello da Xunta e asinado por el mesmo, en relación coa repartición dos fondos europeos, do que están á espera de resposta. Se esta non chega ou é "negativa", Galicia seguirá os pasos de Madrid e irá á xustiza.

Feijóo informou deste paso nunha semana marcada polo anuncio da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, do recurso da Comunidade de Madrid ante o Tribunal Supremo. No caso galego, non se fixo público antes, dixo o mandatario autonómico, por unha cuestión de "prudencia". Ademais, recalcou que, a diferenza de Madrid, a Xunta optou por tentar liquidar o conflito a través do "diálogo".

"Nós de momento imos esgotar a posibilidade de falar coa Administración central", sentenciou o presidente galego, antes de engadir que á Xunta "non" lle gusta "ter preitos co Goberno". "Se podemos evitalos, evitámolos", aseverou. Iso si, advertiu de que se non hai resposta ao requirimento que partiu de Galicia --como ocorreu ata o momento-- ou esta non é satisfactoria ás súas demandas, acudirase á vía xurisdicional.

REPARTICIÓN "ILEGAL"

A preguntas dos xornalistas, ao termo da reunión semanal do seu Executivo, esgrimiu que Galicia xa trasladou ao Ministerio de Traballo o seu desacordo nos foros correspondentes (a conferencia sectorial, por exemplo) cunha decisión que considera "ilegal", xa que "quedou con boa parte dos recursos" vulnerando "competencias autonómicas".

Tamén apuntou que non ve "conforme a dereito" destinar recursos a determinadas autonomías sen pasar pola conferencia sectorial, e incidiu en que esta decisión prexudica Galicia e o resto de comunidades, xa que se detraen fondos que lles corresponden (non concretou en que contía impacta a Galicia). Así as cousas, Feijóo detallou que o requirimento ao Goberno vai encamiñado a que deixe sen efecto unha repartición que considera discrecional e a que "repoña o diñeiro que corresponde a Galicia en materia de políticas activas de emprego".

Alberto Núñez Feijóo / David Cabezón - Xunta de Galicia. / Europa Press
Alberto Núñez Feijóo / David Cabezón - Xunta de Galicia. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta