CCOO alerta que a viabilidade de Navantia Ferrol está en perigo "ante a falta de avances na transformación dixital"

Tamén critican que non se concrete por parte do Goberno e dirección a construción do dique seco cuberto e exponse mobilizacións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2022 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

O secretario xeral de CC OO Industria-Galicia, Víctor Ledo, alertou que a viabilidade de Navantia Ferrol está en perigo "ante a falta de avances na transformación dixital", e criticou que non se concrete tanto por parte do Goberno central como pola dirección a compañía naval pública a construción do dique seco cuberto, para facer máis competitivo este centro de traballo.

"Necesitamos o dique cuberto para a construción de novos buques en horizontal, outro para reparacións para aumentar a capacidade operativa, un plan de investimentos para a fábrica de turbinas, pero sobre todo necesitamos os investimentos dixitais, para buscar a redución da subcontratación, cos plans que temos de rexuvenecemento de persoal", detallou Ledo durante unha rolda de prensa ofrecida na mañá deste venres, na que advertiu de que "os plans de formación non se cumpriron".

O representante sindical apuntou que mesmo "houbo unha negativa por parte do Ministerio de Facenda de incluír as partidas para que o dique seco cuberto puidese executarse", respecto diso do que "ninguén di literalmente que se renuncia, pero tampouco ninguén afirma que se teñen que dar os pasos para polo en marcha".

Ademais tamén criticou que desde a dirección de Navantia "nunca se puxo en marcha a Comisión de seguimento do Plan industrial, tal e como aparece no acordo que asinaran coas organizacións sindicais. Así mesmo, incidiu en que "todos estes atrasos na transformación dixital van supor uns sobrecustos" e unha marcha atrás "na competitividade do estaleiro de Ferrol con respecto á competencia, que fan difícil o poder ofrecer traballos nun prezo axustado".

RESPONSABILIDADES

Pola súa banda, o secretario xeral da Sección sindical de CC OO en Navantia Ferrol, Miguel Pol, apuntou que "é incrible a opacidade coa que se está facendo todo isto", polo que xa adiantou que "van reclamar que se lles explique como están a ser as transformacións dixitais, por que se atrasan, quen asume os atrasos, que sobrecusto e quen o vai a asumir".

Instalacións de Navantia
Instalacións de Navantia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta