Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/01/2022 | Actualizada ás 21:06
A Consellería de Sanidade informou este venres da morte doutras sete persoas derivadas da infección por coronavirus ao longo desta semana, co que xa son 2.843 os falecidos contabilizados en Galicia desde o inicio da pandemia.
Concretamente, o último parte da Consellería de Sanidade suma a morte dunha muller de 86 anos o día 11 no hospital de Povisa de Vigo, mesmo centro no que ao día seguinte perdeu a vida un home de 84 anos.
Tamén o 12, unha muller de 90 anos morreu por coronavirus no seu domicilio de Vigo. Do mesmo xeito que os anteriores e todos os falecidos recollidos neste parte, presentaba patoloxías previas detectadas.
Sanidade notificou este venres catro óbitos máis correspondentes á xornada do xoves: unha muller de 94 anos que morreu no Hospital de Monforte; un home de 72 anos, no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol; outro home de 84 anos, no Complexo Hospitalario de Pontevedra; e un home de 86 anos, no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.
A consellería xa notificara varios falecidos o día 11 --dúas mulleres-- e outro deceso o mércores 12 --unha muller de 86 anos--, que se suman a outros cinco óbitos notificados tamén esta semana.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.