A loita de Outes contra os macroeólicos: "Non descartamos acudir a Europa"

Dende colectivos veciñais e medioambientais veñen de denunciar, unha vez máis, as "graves afeccións tanto ás zonas húmidas coma aos manantiais que abastecen a veciñanza"

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2022 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

San Cosmeiro, O Vao, Maragouto, A Vaqueira, Banzas, Sete fontes... Son os nomes dos proxectos de parques eólicos e liñas de evacuación que terían afectacións "de forma íntegra ou parcial" sobre "hábitats prioritarios" no Concello de Outes. A eles habería que sumar o parque Tremuzo, xa en funcionamento.

Humidal na serra de Outes
Humidal na serra de Outes | Fonte: Quijote de Outes

Dende colectivos veciñais e medioambientais veñen de denunciar, unha vez máis, as "graves afeccións tanto ás zonas húmidas coma aos manantiais que abastecen a veciñanza", e explican que traballan co obxectivo de conseguir a "máxima implicación dos concellos afectados" para que o futuro do patrimonio natural da zona estea "garantido". Non descartan, incluso, a posibilidade de "acudir a Europa".

Segundo explican, as liñas de alta tensión de Maragouto e Banzas e o parque eólico A Vaqueira proxéctanse "no límite legal dos núcleos de poboación" e de vivendas illadas que xa na actualidade sofren "o ruído e as perdas de sinais de televisión ou telefonía móbil" derivadas da proximidade do parque eólico Tremuzo. "A gran perda patrimonial, que se agudiza polo feito de estar as vivendas dentro das poligonais dos proxectos, sería un escándalo", denuncia nun comunicado a coordinadora, que suma colectivos como Quijote Outes, APEOM ou Fonte Seca.

As liñas de evacuación, que na maioría dos casos están vinculadas entre os proxectos eólicos, "pasarán preto de lugares como Guimarei ou as Touzas, e dun dos bosques atlánticos mellor conservados como Santa Leocadia", advirten os colectivos. Por iso, solicitaron á Xunta de Galicia a inclusión destas zonas no catálogo de zonas húmidas por ser "hábitats prioritarios que distintas directivas europeas poñen en valor". Así mesmo, están en contacto con distintas asociacións medioambientais para "atopar as ferramentas para proxeter o que é de toda a veciñanza", sentenzan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Tratam-nos como umha colónia. Ou, talvez o somos?. Umha e outra vez votamos aos partidos colonialistas espanhóis: PP, PSOE. E que podemos agardar dos carrascos que nom seja o castigo! Nom há nengum povo inocente da sua história.