Desestimada a denuncia por vía penal do Colexio de Médicos de Pontevedra pola sobrecarga asistencial en Vigo

Segue pendente a resolución da presentada nun xulgado da cidade do Lérez.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 17/01/2022 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

A denuncia presentada por vía penal polo Colexio de Médicos de Pontevedra o pasado verán en relación á sobrecarga asistencial na área sanitaria de Vigo foi desestimada e arquivada provisionalmente polo Xulgado de Instrución Número 7 da cidade olívica e segue pendente a resolución da presentada na cidade do Lérez.

Así o confirmaron a Europa Press fontes do Colexio de Médicos de Pontevedra, que explicaron que xa "esperaban" o arquivo da denuncia contra a dirección da área Sanitaria de Vigo que, lembran, presentaran "para protexer aos médicos".

As dúas denuncias, das cales ata a data se resolveu sobre a de Vigo, foran presentadas polos servizos xurídicos do Colexio de Médicos de Pontevedra con apoio doutro bufete de avogados, despois de recorrer anteriormente a Inspección de Traballo pola situación de "sobrecarga" asistencial nos centros de Atención Primaria das áreas de Vigo e Pontevedra.

As mesmas fontes da entidade colexial incidiron en que a denuncia de Vigo presentouse para "protexer" a "integridade física e psíquica dos profesionais sanitarios" despois de recibir o Colexio de Médicos de Pontevedra numerosos escritos sobre a sobrecarga en PACs e centros de saúde.

A resolución xudicial argumenta para acordar o sobresemento provisional e arquivo da denuncia que os feitos denunciados revelan unha problemática que incumbe "a outros ámbitos administrativos". Así, o xulgado de Vigo sinala na súa resolución que neste caso, polos feitos presentados, non caben accións penais.

"Esperabámonolo", admiten por parte do Colexio de Médicos de Pontevedra, que está á espera da resolución sobre a denuncia presentada nos mesmos termos contra a dirección da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Así, insisten en que en ambos os casos pretendían pór de manifesto a "situación moi precaria que podería prexudicar a atención a pacientes".

OBSERVATORIO

Tras coñecer esta resolución xudicial, o Colexio de Médicos de Pontevedra decidiu, por unha banda, esperar á outra sentenza, e, en segundo lugar, a creación de "un observatorio" onde os facultativos poidan "dicir o que lles pasa a diario".

Deste xeito, sinalaron as mesmas fontes colexiais, os médicos podrán "cada día" recoller as situacións ás que se enfrontan nos seus centros de saúde. "Os xuíces queren probas e vanaster", aseguran.

Xulgados de Vigo. EUROPA PRESS-FÁTIMA SOUTO - Arquivo
Xulgados de Vigo. EUROPA PRESS-FÁTIMA SOUTO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta