Rueda acusa o Goberno de "abandonar" a idea de manter os postos de traballo de Ence na comarca de Pontevedra

Reiterou a aposta pola adscrición ao Porto de Marín dos terreos que ocupa actualmente Ence en Lourizán.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2022 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, mostrouse crítico coa ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, por "abandonar" a idea de manter os postos de traballo de Ence na comarca en Pontevedra.

Así o sinalou despois de que a pasada semana, na súa visita a Galicia, a ministra apuntase a posibilidade de trasladar a fábrica pasteira de Lourizán a zonas que cualificadas como de transición xusta, en referencia á área das Pontes e a de Cerceda, afectadas o peche das centrais térmicas.

"Non parece nin serio nin xusto con Pontevedra que se abandone esa posibilidade e que se fale de novos investimentos noutros lugares sen tentar consolidar o que xa hai", declarou o vicepresidente primeiro este luns nun acto en Sanxenxo. Alfonso Rueda sinalou que "o primeiro hai que tentar é que eses postos de traballo que xa existen en Pontevedra, que se manteñan nesta comarca". O vicepresidente primeiro da Xunta insistiu en que "primeiro hai que consolidar o que hai e despois tentar que novos investimentos sexan tamén na comarca onde Ence ten as instalacións".

Unha vez máis, Rueda reiterou a súa aposta pola adscrición ao Porto de Marín dos terreos que ocupa actualmente Ence en Lourizán. Esta posibilidade permitiría sortear o problema creado polas sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a prórroga da concesión de Costas a Ence na ría de Pontevedra. Se estes terreos de dominio público marítimo terrestre se adscriben ao ámbito portuario, deixaría de serlle aplicable a Lei de Costas e pasaría a depender directamente de Portos do Estado.

"Hai unha solución que ao goberno non lle gusta nada, nunca nos explica por que non é viable", dixo Alfonso Rueda. "Falan de antigos informes, pero hai un informe agora mesmo do Consello Consultivo que di que iso é posible, por tanto exploremos esa posibilidade".
Por último, Rueda insistiu en que "se hai novos investimentos que estean onde xa están, antes de explorar outras vías".

O vicepresidente galego, Alfonso Rueda
O vicepresidente galego, Alfonso Rueda | Fonte: Isabel Infantes - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta