O PPdeG reclama "sensibilidade" á Sareb ante os primeiros avisos de desaloxo de vivendas protexidas en Burela

Elena Candia avisa de que a Xunta podería "facer valer" o contrato na vía xudicial.

Por E.P. | Lugo | 17/01/2022 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

A viceportavoz parlamentaria do PPdeG, Elena Candia, reclamou este luns "sensibilidade" á Sareb, que, segundo denunciou, xa enviou os primeiros avisos de desaloxo das vivendas de protección autonómica de Burela, un total de 16 afectadas por esta decisión. Os inquilinos están ao corrente de pago e tiñan a concesión ata o ano 2029, pero co paso de mans ao chamado 'banco malo' iniciouse este proceso de desafiuzamento.

Elena Candia, viceportavoz do Grupo do PPdeG
Elena Candia, viceportavoz do Grupo do PPdeG | Fonte: Europa Press.

A tamén presidenta provincial do PP de Lugo reprochou que o Goberno central ten un 45 por cento de participación na Sareb, polo que censurou esta medida nun contexto no que, precisamente, pretende sacar adiante unha Lei de vivenda cuxo informe xurídico tombou o Consello Xeral do Poder Xudicial.

Esta decisión xudicial, subliñou Elena Candia, vén dar " a razón" á Xunta, que ten as competencias en vivenda de protección oficial, como son as de Burela. Precisamente, ao fío dela, Candia dixo que a Xunta trata de mediar neste asunto ou podería "facer valer" o contrato na vía xudicial, para que estas familias non sexan desaloxadas.

Candia lamentou esta lei que "ía arranxar" a situación da vivenda en España mentres unha entidade participada polo Estado "está a rescindir contratos". Así, ironizou con ese "espírito progresista e respectuoso" da lei, para concluír que dubida de que "pensen o mesmo" as familias afectadas por estes desaloxos.

"Desde o Goberno e o grupo pedimos que se respecte esta condición", sinalou, sobre a protección autonómica que rexe nas vivendas ata 2029.

POLÉMICA CON GARZÓN

Doutra banda, Elena Candia referiuse ás declaracións do ministro Alberto Garzón sobre as macrogranxas, acerca do que os populares lanzaron unha ofensiva de iniciativas en contra do membro do Goberno central, para quen piden a súa destitución.

A deputada lucense defendeu o modelo de explotacións gandeiras en Galicia, con 61.000 que superan as 400.000 toneladas de produción e que dan traballo a 4.600 familias.

Así, puxo en valor as explotacións "tradicionais e respectuosas" co medio ambiente que hai en Galicia. "E un ministro non debe facer este tipo de declaracións, equivocouse e demostra unha grande ignorancia sobre o sector", manifestou, facendo fincapé en que son declaracións, as que fixo sobre a macrogranxas (que non é o modelo galego) "impropias dun ministro e desafortunadas".

Elena Candia insistiu en que a gandaría que se practica en Galicia, a extensiva, é "unha ferramenta fundamental para loitar contra o despoboamento e abandono da terra", por iso reiterou a petición de "dimisión" do ministro, porque o sector precisa "apoios" e "non ataques". As iniciativas do PPdeG no Parlamento de Galicia están rexistradas e, se están en disposición de facelo, serán debatidas xa no pleno da semana que vén.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta