A dispersión poboacional de Galicia custa máis de 500 millóns de euros ao ano

Así o cifrou o conselleiro de Facenda no marco da reforma do financiamento autonómico.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2022 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

O "sobrecusto" da dispersión para Galicia rolda os 520 millóns anuais, máis do dobre do que achega o sistema de financiamento, en cuxo deseño esta variable representa un peso do 0,6%, e cuxo impacto --"singular", ademais, na Comunidade galega-- está, a xuízo do Goberno que dirixe Alberto Núñez Feijóo, "claramente infravalorado".

Así o expuxo o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, nunha comparecencia no Parlamento que pecha a rolda de cargos e expertos citados na comisión activada para contribuír a apontoar unha postura galega no marco da reforma do sistema de financiamento. O "obxectivo irrenunciable" da Xunta será, en consecuencia, mellorar a ponderación desta e outras variables (envellecemento, por exemplo) que permitan un financiamento máis acorde co custo real dos servizos.

A visión da Xunta, a través do máximo responsable de Facenda, chegou ao Pazo do Hórreo tras o paso pola Cámara doutros expertos que tamén puxeron o foco, entre outras variables, na dispersión, e transcorreu nunha sesión na que tamén trasladaron a postura dos seus grupos o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy; así como a parlamentaria socialista Begoña Rodríguez Rumbo; e a portavoz do BNG, Ana Pontón.

Na súa quenda, Pontón afeou inconcreción na exposición do conselleiro, e lamentou que "só deixase claro" que o Executivo que lidera Alberto Núñez Feijóo "non ten modelo de financiamento" para Galicia ou ben "non o explica en sede parlamentaria". En fronte, formulou unha serie de pruestas encamiñadas a "avanzar na soberanía financeira", entre elas ampliar ata o 90% a porcentaxe de cesión do IVE e do IRPF.

Pontón, quen insistiu en que a posición do Bloque pasa porque Galicia "teña o control do 100% dos seus recursos a través dun concerto económico" (vía que a Xunta rexeitou de forma reiterada), tamén instou a "reclamar o imposto de sociedades, que tributen aquí as empresas que teñen actividade produtiva aquí, e avanzar nunha fiscalidade verde para loitar contra a emerxencia climática".

Pola súa banda, Rodríguez Rumbo lamentou que o Goberno de Feijóo "use a autonomía fiscal para rebaixar impostos ás rendas altas" no canto de destinar os recursos a "reforzar e blindar" os servizos públicos, e reclamou que a Xunta presente no Parlamento as alegacións remitidas a Madrid no marco do plan para reformar o modelo de financiamento autonómico.

Puy coincidiu co conselleiro en subliñar que "o que claramente é un factor diferencial" en Galicia é a dispersión. "O envellecemento tamén, pero é un factor diferencial que diminúe conforme a tendencia ao envellecemento xeneralízase no resto das comunidades", matizou o portavoz popular, antes de recalcar que "a clave" está na ponderación adecuada do custo dos servizos prestados, extremo que comparten tamén BNG e PSOE.

Un ancián camiña nun municipio rural galego. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Un ancián camiña nun municipio rural galego. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta