Quen está detrás da atractiva e laboriosa decoración de Nadal de Allariz?

“Moitos concellos chaman para preguntarnos que empresa nos monta o Nadal ou incluso para preguntarnos se vendemos as decoracións”, comenta María López, concelleira de Turismo de Allariz. O concello consolídase como destino de Nadal grazas ao bo facer do sector comercial e turístico e ao traballo colaborativo de moita xente para darlle á vila un auténtico aspecto ‘de postal’.

Por X.M. Fernández | Allariz | 20/01/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Nadal de Allariz segue incrementando a cifra de visitantes cada ano malia as restricións actuais por mor da pandemia. Segundo datos municipais, a afluencia de turistas que se achegaron ata Allariz, e pasaron pola Oficina de Información Turística durante estas datas, aumentou con respecto ao mesmo período de anos anteriores. Pasouse de 3600 en 2020 a 4700 en 2021, o que significa un incremento do 30,56%.

Decoración de Nadal onde o Mercado da Biosfera (2021). Foto: XMF
Decoración de Nadal onde o Mercado da Biosfera (2021). Foto: XMF

A meirande parte destes visitantes proceden de Galicia, sendo os/as pontevedreses/as quen máis visita o Concello de Allariz; e respecto do resto do Estado, Madrid e Castela-León son as comunidades que máis visitantes e turistas achegan.

A ambientación de rúas con decorados sostibles así como a programación específica de Nadal, na que tiveron unha gran acollida as actividades para os máis pequenos coma os obradoiros e os espectáculos infantís, foron un importante reclamo para a veciñanza alaricana e visitantes.

María López, concelleira de Turismo de Allariz, e Cristina Cid, a Alcaldesa, amosan a súa satisfacción polo éxito de visitas no Nadal, coas fins de semana e festivos de cheo total nos aloxamentos da vila, e a gran acollida da decoración que se consolida e mellora ano a ano. En palabras da alcaldesa: "estes logros turísticos son froito indiscutible do bo traballo dos profesionais do sector comercial e hostaleiro e do esforzo conxunto que estamos realizando na oferta cultural e de promoción turística".

Para coñecer detalles das e dos artífices da exitosa decoración de Nadal falamos con María López, concelleira de Turismo de Allariz.

Porquiños na neve. Foto: XMF
Porquiños na neve. Foto: XMF

Cando xurdiu a iniciativa de potenciar a 'decoración sostible' de Nadal en Allariz?

Esta iniciativa xurdiu no ano 2015, apostamos por este modelo diferenciador ao darnos conta de que dalgunha maneira tiñamos que aproveitar as estruturas que se creaban cada ano para o festival internacional de xardíns, e así tentando darlle unha segunda vida a esas estruturas é como naceu o noso Nadal.

Quen está detrás dese grande traballo, tanto do artístico como do relacionado coa organización e a montaxe? 

Pois detrás deste Nadal hai un gran equipo, que vai dende a propia alcaldía, o aparellador municipal e a brigada de obras, a brigada de medio ambiente o equipo de promoción económica ao técnico de alumeado e gran parte do equipo de goberno. Precisamos do traballo de todas e todos para poder sacar adiante, e en tempo, a decoración. Ás veces tamén contamos coa axuda de voluntarios, que coma este ano, quedaban ata as dez da noite cosendo para axudar a rematar os bonecos que formaban parte da estación de esquí.

"Dez días antes hai que botarse á rúa e montar cada un dos escenarios, este é un traballo colaborativo que non se entendería sen a implicación do persoal municipal, o gran mérito é deles"

O proceso comeza con varias reunións para decidir que material podemos reaproveitar, que escenarios se van reproducir e lugares onde irán localizados; para logo facer o reparto das tarefas para cada área.

Dez días antes hai que botarse á rúa e montar cada un dos escenarios, este é un traballo colaborativo que non se entendería sen a implicación do persoal municipal, o gran mérito é deles.

Cónstanos que a vosa opción, alonxada doutras que prefiren abraiar con 'lucerío', estavos funcionando moi ben. Cóntanos.

Para nós sería moito máis sinxelo contratar empresa e por luces, dende logo, pero eu penso que unha das razóns pola que gusta Allariz é porque conserva parte da súa identidade, desa maneira de facer as cousas dun xeito diferente, nun mundo tan globalizado, manter esa autenticidade conta.

Veciñanza, visitantes e turistas... todos contentos co aspecto 'de postal' que adquire Allariz?

Na súa maioría si, a xente pregunta e chama constantemente para saber cando vai estar preparada a decoración e cando se vai retirar para axustar a súa visita. Dentro do proxecto turístico de Allariz cremos que o crecemento do turismo ten que ser tamén sostible e desestacionalizar todo o que poidamos para que esa presión afecte o mínimo á poboación local. Se ben é certo que a ampla rede comercial e hostaleira de Allariz precisa dos visitantes.

"Cremos que o crecemento do turismo ten que ser tamén sostible e desestacionalizar todo o que poidamos para que esa presión afecte o mínimo á poboación local"

Dentro da estratexia deste ano, optamos por manter un perfil tirando a baixo para intentar equilibrar o impacto turístico e non centralo nunhas datas concretas, buscar fórmulas consensuadas que equilibren o interese común do público local co interese do destino.

E por sorte e/ou concienciación, non tedes que laiarvos por desperfectos ou desfeitas incívicas, verdade?

A xente respecta e coida os decorados, isto é froito efectivamente da concienciación, eu son das que creo que na educación está a clave. Se os rapaces coñecen, entenden o seu patrimonio van respéctalo e coidalo sempre, con isto pasa algo similar, como os veciños ven o traballo que se fai na rúa e o esforzo que implica, son os primeiros en chamar a atención a alguén e en traer ao concello algunha peza que atopan fóra do seu lugar. Por sorte, as desfeitas son anecdóticas.

"Como os veciños ven o traballo que se fai na rúa e o esforzo que implica, son os primeiros en chamar a atención a alguén e en traer ao concello algunha peza que atopan fóra do seu lugar"

...nestes últimos anos hai máis concellos que se están sumando a esta alternativa máis económica, ecolóxica e sostible, verdade? 

Pois si, afortunadamente cada vez vemos máis claro que se poden facer as cousas dunha maneira natural, sostible e respectuosa, sen grandes artificios pero con mimo, agarimo e humildade e conseguir bos resultados.

Chegáronvos a pedir consellos, neste senso, outros concellos?

Moitos concellos chaman para preguntarnos que empresa nos monta o Nadal ou incluso para preguntarnos se vendemos as decoracións.

O Apalpador, decoración de Nadal. Foto: XMF
O Apalpador, decoración de Nadal. Foto: XMF
Estación de Esquí. Foto: Concello de Allariz
Estación de Esquí. Foto: Concello de Allariz
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta