Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/01/2022 | Actualizada ás 19:56
A patronal galega insistiu este mércores en que as mutuas e os médicos de empresa poidan tramitar as baixas e altas dos seus traballadores afectados pola infección por coronavirus.
Como xa se pronunciou hai unha semana, este mércores, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, insistiu na necesidade de "axilizar" as altas e baixas laborais, nun momento de "bastante desconcertante e de intensidade importante". "Sería un avance de maneira inmediata, ante a desfeita" empresarial, aseverou.
A patronal galega iría "máis aló", pero non precisou a que se refire con iso. Iso si, a CEG xa avanzou a semana pasada que dialogaba coa Xunta para a asunción, de acordarse, desta tarefa que, defenden desde a CEG, "axudaría a desconxestionar os centros de atención primaria".
A CEG ve "preocupante" que se xeneralizou o autodiagnóstico a través de proba de antíxenos, "á marxe dun diagnóstico e dun seguimento por parte dos profesionais sanitarios".
Por iso, ve necesario "con carácter extraordinario" que se habiliten "todos" os recursos, "tanto públicos como privados", para apoiar o sistema de saúde público nestas funcións e verificar os estados de saúde.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.