A Cámara pide estender as 'casas do maior' aos municipios sen centro de día

O BNG defendeu unha proposición non de lei que pedía unha modificación legal para que a percepción da Risga sexa compatible con outras prestacións, pero foi rexeitada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2022 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia, a petición do PPdeG, aprobou cos seus votos unha proposición non de lei pola que se pide estender as 'casas do maior' aos concellos nos que non estea en funcionamento ningún centro de día.

"As casas do maior son a alternativa idónea para as persoas que queren seguir vivindo na súa contorna, á beira da súa familia e dos seus veciños, pero tamén para os emprendedores que queren desenvolver a súa profesión na localidade onde residen", manifestou a deputada do PP Noelia Pérez.

A Xunta puxo en marcha en 2018 este recurso, unha especie de pequenos centros de día en contornas nos que non existen outros recursos de atención para persoas maiores de 60 anos e que inciden na atención e na prevención da dependencia e na promoción da autonomía persoal para mellorar a calidade de vida dos maiores.

Doutra banda, a deputada nacionalista Olalla Rodil defendeu unha proposición non de lei que pedía unha modificación legal para que a percepción da Risga sexa compatible con outras prestacións, como anunciou, lembrou, o Goberno galego en maio de 2021. Rodil acusou o PP de "falta de interese" para corrixir esta incompatibilidade que "prexudica un gran número de persoas" e lembrou que moitas viven con 500 euros ao mes. A proposta foi rexeitada.

Tampouco saíu adiante unha iniciativa do PSdeG defendida pola deputada socialista Marina Ortega, na que se urxía á Xunta a elaborar un plan de emerxencia ante a "falta de persoal nas residencias, a favor do benestar e os dereitos" das persoas maiores, unha iniciativa á que os socialistas se fixeron unha autoemenda ante o cambio da situación nas residencias desde o rexistro ata o seu debate en comisión este xoves. A Xunta, denunciou, segue "ensimesmada".

Pleno do Parlamento. PARLAMENTO
Pleno do Parlamento. PARLAMENTO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta