Feijóo desmárcase da estratexia de Casado e aposta por unha oposición "construtiva e leal" ao Goberno de Sánchez

O presidente da Xunta reivindica "a política útil" e "sen sectarismos".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/01/2022 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, reivindicou este sábado "a política útil" e "sen sectarismos", á vez que apostou por unha oposición ao Goberno de Pedro Sánchez que sexa "construtiva e leal", desmarcándose así da estratexia do lider estatal do PP, Pablo Casado, para desgastar o Executivo central.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pousa para Europa Press, a 19 de xaneiro de 2022
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pousa para Europa Press, a 19 de xaneiro de 2022 | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press.

Durante a súa intervención ante a Interparlamentaria do PPdeG celebrada no Edificio CINC da Cidade da Cultura, Feijóo dirixiuse a decenas de deputados autonómicos, estatais e europeos para encargarlles a misión de "compaxinar a defensa do partido" coa "do territorio".

Así, instounos a "traballar por Galicia", porque ese é o "compromiso" da formación. "Ser deputado ou senador significa ser delegado de Galicia nas institucións", asegurou.

SÁNCHEZ FAI "O QUE DIGAN OS SOCIOS"

No seu discurso, o presidente galego aproveitou para cargar contra Sánchez, que "utiliza a ferramenta do Goberno central para tapar as súas debilidades e contentar aos seus socios" coa repartición de fondos europeos, o sistema de financiamento autonómico e os Orzamentos Xerais do Estado, para así poder "manterse no poder".

"É unha persoa que ten un gran instinto de conservación. Por tanto, o que digan os socios faino, non porque interese a España e nin sequera porque o PSOE estea de acordo, senón porque lles interesa aos seus socios", engadiu.

Ademais, criticou que Sánchez sexa "o primeiro presidente" da historia de España que "non ten ministros que poida cesar, porque el non os nomea". Neste sentido, lembrou como o novo ministro de Universidades, Joan Subirats, decatouse da súa designación "pola alcaldesa de Barcelona", Ada Colau.

En cambio, tal e como continuou Feijóo, os "dous terzos" restantes do Goberno césaos "cando lle peta" para "que crean que ten autoridade".

O SOBERANISMO "NON CONVÉN" A GALICIA

Feijóo tamén criticou os proxectos políticos que buscan "importar" as formulacións nacionalistas, xa que "non conveñen" a Galicia, a pesar de que parecen "disfrazarse" no Parlamento.

"Os galegos non votan soberanismos, os galegos non votan concertos económicos, os galegos non votan estatalización das empresas, nin incrementos masivos dos impostos, nin imposicións lingüísticas, nin a quebra e a separación de España", advertiu.

"Se os nacionalistas e os socialistas renunciaron a defender a Galicia, hoxe esta Interparlamentaria é máis necesaria que nunca e por iso estamos aquí: para dicir que Galicia conta connosco; para dicir que somos España; para dicir que somos galegos e, por tanto, españois", recalcou o líder popular.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta