Feijóo acusa o Goberno central de "renunciar a coordinar" e "lexislar" sobre a pandemia

Defende que Galicia "sabe xestionar a sanidade" e destaca as cifras de mortalidade, hospitalizados e vacinados: "Non é casualidade"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/01/2022 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acusou ao Goberno central de "renunciar a coordinar" e a "lexislar" sobre a pandemia, polo que as comunidades autónomas quedaron "soas" ante a xestión da covid-19.

Durante a reunión da Interparlamentaria do PPdeG celebrada este sábado no Edificio CINC da Cidade da Cultura, en Santiago, o mandatario autonómico lamentou que o Executivo de Pedro Sánchez "dimitise das súas responsabilidades" de establecer o "marco fundamental" para enfrontarse á crise do coronavirus.

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, intervén ante a Interparlamentaria do PPdeG
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, intervén ante a Interparlamentaria do PPdeG | Fonte: PPdeG.

"A comunidade científica mundial foi capaz de responder en termos históricos e en prazos ás vacinas e hai un Goberno de España que foi incapaz de ditar unha soa lei", explicou, ante decenas de representantes populares no Parlamento galego, nas Cortes Xerais e na Eurocámara.

Neste contexto, Feijóo insistiu en que o Executivo "renunciou a coordinar" as autonomías: "Cada vez que había un problema tiñan que reunirse as comunidades e convidábannos a que as comunidades, entre si, mirásemos as mellores prácticas".

De igual xeito, o presidente da Xunta e do PPdeG afeou ao Goberno que "renunciou a arbitrar mecanismos para incorporar profesionais á sanidade" durante a pandemia.

"Pedimos que nos deixen traer máis MIR; a resposta é 'non'. Pedimos unha convocatoria extraordinaria MIR; a resposta é 'non'. Pedimos dividir as especialidades de médicos de familia e médicos de urxencia hospitalaria (...); a resposta é 'non'", enumerou.

Deste xeito, Feijóo preguntouse: "Que van facer para non estrangular os servizos de saúde de toda España ante a xubilación de médicos de familia e de pediatras no ano 2021, peor no ano 2022 e peor será no ano 2023?".

BAIXAS LABORAIS, "COMPETENCIA EXCLUSIVA" DO ESTADO

Tamén censurou que o Goberno non lexislase "a forma de dar as baixas laborais" derivadas da covid, a pesar de que o seu pago é "unha competencia exclusiva" do Estado.

"Hai unha nación con 100.000 baixas diarias e o Goberno renuncia a lexislar como se xestionan as baixas", aseverou, para explicar como o Executivo de Sánchez quedou "absolutamente fóra das decisións estratéxicas".

Así, apuntou que os presidentes autonómicos tiveron que xestionar a pandemia "sós": "Coas nosas responsabilidades, coas nosas competencias e xestionando competencias que non son propias".

GALICIA "NON DELEGOU"

Ante este panorama, Feijóo reivindicou que "Galicia acreditou que sabe xestionar a sanidade", que "sabe gobernar" e que "non delegou o indelegable".

O presidente galego recalcou que Galicia, a pesar do envellecemento da súa poboación, sexa o territorio da España peninsular "con menos mortes" por 100.000 habitantes derivadas da pandemia. "Non é casualidade", apostilou.

Xunto a isto, Galicia ten a "menor taxa" de hospitalizacións tanto en planta como en unidades de coidados intensivos (UCI), "porque o sistema de atención domiciliaria funcionou durante a pandemia".

En canto á vacinación, tamén presumiu de que a galega sexa a autonomía "que máis persoas vacinou" tanto con dobre dose como coa de reforzo.

"Somos a rexión europea con máis vacinados de todas as rexións europeas, por enriba de calquera media de calquera Estado da Unión. Coido que paga a pena proseguir con esta sanidade e esta xestión rigorosa", sentenciou.

En clave económica, cifrou en 600 millóns de euros o desembolso da Xunta en "axudas directas" a sectores produtivos máis afectados pola crise sanitaria.

De todo este balance serviuse para afirmar que os populares "non xestionan con titulares, senón con accións concretas que posteriormente se poden converter ou non en titulares". "Tentamos traballar, tentamos escoitar. Seguimos o ditado dun comité clínico que non cambiou desde o primeiro día", resumiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta