Stop Eólicos Celanova presenta as súas alegacións á central alemá prevista en Verea

Afirma que "se están vulnerando dereitos fundamentais e impedindo o proceso de participación pública".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/01/2022 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

A Plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova presentou este domingo o seu modelo de alegacións ao proxecto empresarial comandado pola enerxética alemá Bay Wa para construír unha centra eólica en "os lugares primitivos da fundación de Celanova, sen catalogar" e próxima a aldeas de Verea.

Aeroxeradores, muíños de vento, enerxía eólica
Aeroxeradores, muíños de vento, enerxía eólica | Fonte: Europa Press.

A 48 horas de finalizar o prazo de alegacións --este próximo martes-- ao mencionado proxecto empresarial, "nin a Consellería de Economía nin a Secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galicia responderon aínda" á denuncia da plataforma de que "se están vulnerando dereitos fundamentais e impedindo o proceso de participación pública", dado que a empresa presentou parte da documentación nunha lingua non oficial en Galicia.

Segundo explican, o modelo de alegacións presentado pode descargarse directamente da web xurescelanova.fala.gal, para o seu rexistro telemático ou presencial, e está elaborado en base ás alegacións achegadas por Petón do Lobo e por Adega, e coa participación de membros da plataforma.

A plataforma enumera tamén no comunicado os 10 motivos para que os veciños de Celanova e Verea se opoñan ao proxecto de Bay Wa de empezar as obras da central que, segundo destacan, en Baviera, onde ten a súa sede a empresa, "non se podería construír".

Así, aseguran que se está producindo unha fragmentación "artificiosa" para "menoscabar as garantías inherentes aos procedementos de avaliación", impedindo a avaliación ambiental do conxunto dos proxectos; que falta unha avaliación ambiental estratéxica da planificación eólica en Galicia; e que se "engana" a través da complexidade técnico-xurídica dos documentos, que dificulta a participación nos procedementos.

Denuncian tamén o carácter "estritamente mercantil e a ausencia de utilidade pública do proxecto"; a afección "severa" e prexuízos "irreparables" para a paisaxe e o patrimonio cultural, así como para a vexetación, os hábitats naturais, a flora e a avifauna.

Por último, alertan do impacto do ruído ambiental causado por aeroxeradores nos procesos cognitivos, cunhas distancias ás poboacións prohibidas en Alemaña; e do freo á consolidación e futura ampliación dos espazos protexidos, "con dinámicas de deterioración do territorio e perda de poboación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta