O alcalde de Santiago defende a concesión do servizo da auga polos "enormes investimentos" que hai que acometer

O goberno local defende en pleno o novo contrato ante as acusacións de "escurantismo" de toda a oposición.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/01/2022 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, xustificou este luns a continuación da xestión do ciclo da auga a través dunha concesión porque hai que acometer "enormes investimentos", por uns 100 millóns de euros, para mellorar as infraestruturas do servizo na cidade: "Xorde a necesidade de buscar a alguén que anticipe o financiamento".

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: Concello de Santiago.

Así o defendeu o rexedor nunha rolda de prensa na que insistiu en que estas contías, "descontando" uns 68 millóns de euros que xa supón a depuradora, "está fóra das posibilidades do orzamento municipal".

Segundo cifras que achegou, na última década os investimentos acometidos polo Concello de Santiago "non chegaron aos 90 millóns", unha cifra menor ao que agora precisa. Por iso, e porque non ve posible "aprazar" estas actuacións, Bugallo insistiu na necesidade de volver adxudicar o abastecemento de auga durante 25 anos, unha vez expirado o anterior en 2019.

"O Concello pode xestionar o servizo e cada ano destinar unha parte (ás obras), pero iso faría que esas actuacións urxentes, no canto de facelas en seis anos, como máximo dez, habería que facelas en 20 ou 25 e hai moitos equipamentos que non están en condicións de aguantar ese tempo, nin tampouco os veciños están en condicións de aguantar este tempo. Por iso, xorde a necesidade de buscar a alguén que anticipe o financiamento, que pode ser unha empresa concesionaria", explicou.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

PP, Compostela Aberta e BNG salvaron as súas diferenzas ao redor de cal sería modelo ideal de xestión deste servizo para acusar de "escurantismo" ao equipo do alcalde e pedirlle que permita o debate.

Durante O pleno extraordinario, o portavoz municipal do PP, Alejandro Sánchez-Brunete, reclamou "transparencia" ao goberno sexa cal for "a forma de xestión".

Neste sentido, o PP rexeita "termos tan falaces como privatización e remunicipalización" e aposta por unha "opción intermedia", como é unha "colaboración público-privada transparente e economicamente equilibrada". En todo caso, Sánchez-Brunete lembrou que, se se pretende modificar o modo de xestión, procede abordalo na comisión xa creada para ese efecto.

Por parte de Compostela Aberta, o concelleiro Xan Duro dixo compartir as acusacións de "escurantismo" co resto de compañeiros da oposición e lamentou que a estas alturas do mandato o goberno local non só "non fixo", senón que "desfixo" os pasos dados durante o período do exalcalde Martiño Noriega para "recuperar" para o público o saneamento.

"Non era para remunicipalizar a auga, senón para ter o modo máis eficiente de xestionar o servizo", defendeu Duro, para criticar a intención do actual rexedor de "hipotecar" o Concello durante outros 25 anos co novo contrato.

Á súa vez, a portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclamou unha auditoría externa "imparcial" sobre a xestión da auga na cidade, un servizo que "debería quedar á marxe da especulación".

Así mesmo, a nacionalista advertiu ao goberno que "é imposible" que o actual contrato se adxudique antes de que finalice o mandato: "Xa incumpriron o prazo que vostedes mesmos se deron".

Fronte ás críticas, a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, defendeu a "transparencia" do goberno, que "nunca ocultou a decisión" de ir cara a un novo contrato porque "a cidadanía o que quere é solucións aos problemas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta