Temas: PREZOS GAS LUZ

Administradores de leiras alertan do aumento da morosidade nas comunidades de propietarios polo prezo da luz e do gas

Poder acceder ao mercado regulado, reducir o IVE do gas e o imposto de hidrocarburos, entre as medidas que propoñen para baixar os prezos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/01/2022 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

O Colexio oficial de Administradores de Leiras de Galicia, Coafga, alertou dun incremento da morosidade nas comunidades de propietarios, un feito que atribúen ao incremento sostido dos prezos do gas e a luz. Por iso pide medidas urxentes para baixar os prezos e a posibilidade de que as comunidades de propietarios poidan acollerse ao mercado regulado do gas para optar a tarifas máis competitivas.

Unha factura do consumo de luz
Unha factura do consumo de luz | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

Segundo sinala o Colexio de Administradores de Leiras de Galicia, as comunidades con calefacción centralizada considéranse grandes consumidores, polo que só poden contratar a subministración de gas no mercado libre, non podendo elixir do regulado, que é máis flexible. "Aplícaselles a tarifa reservada a uso industrial, a pesar de que o destinatario final dese servizo é o usuario dunha vivenda, que ten como principal finalidade a habitabilidade e o confort do fogar", sinala.

Respecto diso, as administracións lembran que, como ocorre coa electricidade, existe un mercado libre e outro regulado ao que unicamente, no caso do gas, poden acceder os pequenos consumidores -particulares- ou os que accedan ás redes de gas cun consumo máximo de 50.000 kWh anuais.

Pero as comunidades de propietarios, apuntan desde o colectivo, non poderán optar a esta tarifa, porque obrigatoriamente teñen que vincularse ao mercado libre ibérico do Gas (MIBGAS), con prezos moi por enriba dos establecidos polo Goberno para o mercado regulado.

Así as cousas, denuncian que as comunidades de propietarios están "discriminadas" por non poder acceder ao mercado regulado, sendo o prezo do Kwh case do dobre para os edificios colectivos fronte ás subministracións individuais.

Por iso, piden ao Goberno a posibilidade de que as comunidades de propietarios poidan cambiar a tarifa ou mesmo suspender os seus contratos no mercado libre -normalmente con vixencia dun ano- e acollerse, como os particulares, ao mercado regulado, que ofrece mellores tarifas, co consecuente aforro.

Ademais, sinalan que outra opción é reducir o IVE do gas ou o imposto de hidrocarburos, de igual forma que se fixo no recibo eléctrico. "A xente ten dificultades económicas e se a isto se lle suma a inflación e o feito de que os aforros empezan a terminarse, a situación é crítica", alertan.

Temas: PREZOS GAS LUZ
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta