Unha familia de Xunqueira de Ambía, afectada por un incendio na súa vivenda por segunda vez en tres meses

Os incendios non gardan relación e están vencellados á "antigüidade das construcións".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2022 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

Un matrimonio cunha nena menor de idade, residentes no concello ourensán de Xunqueira de Ambía, sufriu un incendio na súa vivenda por segunda vez en menos de tres meses. A familia natural de Romanía vive desde mediados do 2021 no Concello de Xunqueira de Ambía. O pasado mes de outubro residían de aluguer na aldea de Merí pero un incendio calcinou por completo a vivenda.

Ata o lugar desprazáronse os bombeiros de Xinzo de Limia, o GES de Maceda, medios forestais, voluntarios de Protección Civil e a Garda Civil que conseguiron extinguir o lume antes de que afectase a casas lindeiras, con todo, o domicilio da familia ardeu por completo ao tratarse dunha antiga construción co teito e os pisos de madeira, o que contribuíu á súa rápida propagación. A familia non se atopaba no interior e non houbo que lamentar danos persoais pero si perderon todos os seus aveños.

Tanto o Concello como os veciños colaboraron para atoparlles unha nova localización. Actualmente residían nun novo aluguer en Cerdeira onde se produciu o pasado domingo o novo incendio a última hora da tarde. Nesta ocasión, con eles no interior. Foron os veciños quen se decataron e alertáronos facilitando que puidesen saír e evitar danos persoais. Mentres que o incendio en Merí estivo provocado por un fallo eléctrico, o desta nova casa consideran que se debe a "a mala combustión da cheminea".

FAMILIA CON POUCOS RECURSOS

O alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luís Gavilanes, explicou que ambos os incendios non gardan relación, "foron unha casualidade" vinculada á "antigüidade das construcións".
Ademais indicou que "probablemente estivese mal illada" a cheminea con respecto ao teito de madeira e por iso prendeu lume "ao meterlle leña para tentar quentarse coa onda de frío".

Polo momento a familia foi trasladada ao albergue municipal a espera de atopar outra casa que se poidan permitir, porque o rexedor explica que "ela ten unha pensión desde hai tempo para coidar da nena e el traballa na construción, pero sobre todo no verán, agora mesmo non ten traballo".

Os bombeiros traballan nun operativo. CARLOS CASTRO - EUROPA PRESS
Os bombeiros traballan nun operativo. CARLOS CASTRO - EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta