Incertezas e seguridades da eólica mariña en Galicia, é realmente unha industria de futuro?

A Xunta aposta pola eólica mariña como alternativa aos combustibles fósiles. Forzas sindicais queren que os postos de traballo creados arredor deste sector sexan permanentes, isto implicaría un tecido industrial non especulativo, de instalarse e pasado un tempo desmantelar todo. Grupos ecoloxistas temen a repetición das polémicas abertas cos parques eólicos terrestres

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 26/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A aposta pola enerxía eólica está mobilizando ao sector empresarial implicado na subministración de electricidade. Isto vese como contraditorio cando empresas como Siemens-Gamesa nas Pontes e Vestas en Viveiro, decidiron pechar as súas instalacións en Galicia ou reformar a súa actividade. Por outra parte, está a oportunidade de que a comunidade se converta nunha área punteira no desenvolvemento de tecnoloxía exportable a outros lugares do mundo. En fronte están os temores sobre os prexuízos ligados á instalación dos parques eólicos en áreas onde afecte negativamente á pesca e outro tipo de explotación mariña tradicional.

Mapas de áreas con restricións e recomendadas para a instalación de parques eólicos mariños en Galicia.
Mapas de áreas con restricións e recomendadas para a instalación de parques eólicos mariños en Galicia.

CREACIÓN DE EMPREGO

O punto máis importante arredor da industria eólica é a creación de postos de traballo permanentes. Con isto búscase evitar máis deterioro económico en Galicia, creación dun sector I+D+i relacionado coa eólica e fornecer un tecido industrial máis alá do propiamente relacionado coa eólica mariña, “A cifra de empregos arredor da eólica mariña pode ser moi alta” di Francisco Méndez, secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CC.OO. “Navantia agora mesmo fabrica plataformas para eólicos maioritariamente para exportar, isto pode crear uns 2.000 postos na súa fabricación”. Méndez tamen sinala que o mantemento das instalacións crearía uns 300 empregos seguros polo menos para dúas décadas.

“Certamente que poden crear postos de traballo mais non estamos certos de se se converterán en postos fixos co tempo” di Javier Carreiro de UGT. “Entendemos que esa industria debera crearse aquí en Galicia, iso aproveitando os fondos europeos de reconstrución”. Estes fondos europeos deberan permitir a fixación de emprego “e que non acaben desmantelando empresas para evitar a emigración de xente nova” porque os postos de traballo relacionados coa conservación e mantemento dos parques “creará poucos postos”.

Desde a asociación ecoloxista ADEGA consideran as estimacións de creación de emprego como “unha ficción e proba diso está no desmantelamento de Siemens-Gamesa e Vestas” en pleno desenvolvemento de proxectos eólicos en terra, como os proxectos aínda sobre a mesa en relación con parques no mar. “A construción dos muíños e os xeradores si crea postos de traballo mais o mantemento reduce o número de persoas empregadas”, sinala Fins Eirexas. “É como as piscifactorías hai uns anos, maximizaba as posibilidades de emprego e ao final con 23 instalacións quedarían 300 postos”.

Eólicos mariños
Eólicos mariños | Fonte: Ecovive.

Desde a Xunta de Galicia informan de estar avaliando un total de 275 proxectos “co obxectivo de que saian adiante os que cumpran con todos os requisitos”. O cumprimento dos puntos esixidos polo goberno galego non parece estar sendo doado, pois o executivo presidido por Núñez Feijóo “aprobou unha moratoria desde o 1 de xaneiro e durante 18 meses para levar a cabo este proceso coas máximas garantías”. Isto reafírmano indicando que máis de 70 traballadores están “dedicados aos expedientes eólicos co obxectivo de axilizar a tramitación e realizar un maior seguemento dos proxectos”.


PERDAS DE EMPREGO NOUTROS SECTORES

Un dos puntos sinalados anteriormente é o relativo ás empresas Siemens-Gamesa e Vestas, ambas as dúas dentro do sector eólico. A primeira para fabricar pás para muíños e a segunda especializada en motores agora convertida en centro loxístico. “Siemens-Gamesa fabricaba pás de 70 metros cando agora se piden 90 metros en terra e máis de 100 no mar. No caso de Chavín as instalacións quedaron pequenas para a multinacional pois os novos muíños son máis grandes” di Francisco Méndez. “Vestas e Gamesa foron creadas para un plan eólico de hao 20 anos, cando todo era máis pequeno”.

Que ocorre con outros sectores como a pesca? Como poden desenvolverse actividades tradicionais xunto aos aeroxeradores? “Entendemos que en determinadas áreas non se poderá faenar e que onde estean os puntos de evacuación da electricidade creada polos muínos, non se poderán realizar labores de baixura ou marisqueo” sinala Fins Eirexas. “A construción destes parques trae parella a destrución doutros postos de traballo a pesar de que vendan o modelo eólico como a alternativa”.

“Os aeroxeradores estarían a 15 ou 20 millas da costa, por tanto si se podería mariscar” sinala Méndez. “Sobre a pesca, o modelo de arrastre é un sistema que a UE quere eliminar por ser unha das actividades que máis degrada o mar”. En canto a outros modelos como o palangre, que xuntou aos pescadores do Cantábrico para evitar o prexuízo aos caladoiros, “entre cada muíño haberá unha media milla de separación entre eles para evitar o varrido das pás, por tanto o palangre podería darse entre eles”.

En tal caso, os aeroxeradores estarían alonxados da costa en Galicia segundo Méndez. “Nós pedimos que se prohiba a súa instalación tanto na plataforma continental como no talude da plataforma” indica Fins Eirexas. Por outra parte, o ordenamento do espazo mariño para a instalación de xeradores eólicos aínda está en trámite. A este punto alude a Xunta cando sinala que “agora mesmo non existe a posibilidade de que un promotor poida tramitar un parque eólico mariño ata que o Goberno aprobe as zonas dentro do plan sectorial”.

Doutra banda, o goberno galego alude ao Observatorio Eólico Mariño, un ente consultivo onde están presentes Xunta, empresas e sector pesqueiro, como outra das partes interesadas en que o Executivo central acelere os procesos legais e administrativos. “Estamos á expectativa de coñecer o documento definitivo dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), que dependen do Ministerio para a Transición Ecolóxica”.

As posturas sobre eólica mariña están divididas en canto o número de postos de traballo que pode crear. Se as expectativas da industria se cumpren, mesmo traballadores do sector pesqueiro poderían traballar en barcos de mantemento dos parques. Tamén podería haber unha industria dedicada á exportación de plataformas e pás. Doutra parte, sectores como a pesca temen a perda de áreas para faenar e á parte, a fauna mariña tamén podería verse afectada nos seus ciclos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta