PSOE e a Marea Atlántica inician os contactos con entidades para elaborar un plan municipal de dereito á vivenda

Na reunión participarán 20 entidades sociais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2022 | Actualizada ás 17:03

Comparte esta noticia

O goberno local e a Marea Atlántica iniciaron as reunións con entidades para elaborar un plan municipal de dereito á vivenda, incluído nos acordos subscritos entre esta formación e os socialistas.

Á reunión, no Centro Cívico dos Mallos e coa presenza de 20 entidades sociais, asistiron os concelleiros de Urbanismo e de Benestar Social, Juan Díaz Villoslada, e Yoya Neira, respectivamente, por parte do goberno local, e María García e Iago Martínez, portavoz e viceportavoz da Marea Atlántica.

En declaracións aos xornalistas, Villoslada apuntou que é a primeira mesa de traballo para analizar as medidas a incluír e dentro dunha rolda de contactos que incluirá a celebración tamén dun encontro de carácter institucional o venres.

"A nova lei de vivenda e os fondos de reconstrución obrígannos a todas as entidades públicas e concellos a asumir compromisos para facilitar, desde a perspectiva social, a garantía do acceso á vivenda", expuxo. Mentres, apelou ao "compromiso" que, engadiu, deben asumir Xunta e Goberno dentro das súas competencias nesta materia.

Pola súa banda, a portavoz da Marea Atlántica, María García, incidiu na importancia de abordar esta cuestión desde unha "perspectiva social" e expondo a vivenda "como un dereito". Preguntada polas negociacións sobre os orzamentos, dixo que o avance na vivenda "mostra que estamos a chegar a acordos".

Representantes do PSOE e da Marea Atlántica reúnense con entidades para abordar o plan municipal de dereito á vivenda. ANDY PEREZ
Representantes do PSOE e da Marea Atlántica reúnense con entidades para abordar o plan municipal de dereito á vivenda. ANDY PEREZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta