Galicia é a cuarta comunidade en taxa de matriculación neta en escolas infantís

A Xunta facilitará ás Administracións interesadas os fondos que o Goberno comprometeu para a creación de novas prazas en primeiro ciclo de Educación Infantil.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2022 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

Galicia é a cuarta comunidade do Estado en taxa de matriculación neta en escolas infantís, ademais de "referencia no campo da conciliación e na axuda ás familias", segundo destacou o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey. Rey compareceu este xoves ante a Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego para responder unha pregunta oral exposta polo grupo popular sobre as medidas impulsadas polo Goberno galego para a atención á infancia.

Durante a súa intervención, abordou algunhas das medidas postas en marcha pola Xunta como a Tarxeta Benvida, "que permite dar unha axuda directa ás familias para sufragar gastos dos primeiros anos dun neno ou nena". A contía concedida é dun mínimo de 1.200 euros, que se incrementa no caso de familias do ámbito rural e das familias numerosas. Este ano a Xunta destina 30,4 millóns de euros a esta subvención, ampliable en función do número de nacementos, xa que Rey subliñou que se resolverán todas as peticións.

En canto ás escolas infantís, o director xeral explicou que Galicia continúa reforzando o apoio á educación infantil de 0 a 3 anos a través da ampliación da rede de escolas infantís, "con máis de 25.000 prazas". A este respecto, lembrou a nova medida que permitirá a gratuidade destes centros para todas as crianzas para o curso 2022-2023, agora só para segundos fillos e sucesivos. Con esta medida, deixará de ter efecto o Bono Concilia, pensado para que as familias poidan levar os seus fillos a unha escola privada cando non consegue praza na pública. Este curso incrementouse a súa contía nun 10% ata alcanzar os preto de 1600 bonos concedidos.

O director xeral remarcou, por último, as casas niño. Neste momento funcionan 89 centros destas características en Galicia, un recurso 100% gratuíto destinado para os concellos que carecen de escola infantil ou Punto de Atención á Infancia. En 2022, tal e como avanzou Rey, a Xunta publicará unha nova orde de casas niño para a posta en marcha de 12 novos centros no rural, de maneira que se alcancen un total de 100 casas en funcionamento. Ademais, increméntase a prima da subvención que reciben as titulares das casas nun 10% e concédese unha axuda adicional de 500 euros para que as máis antigas renoven equipamento, "pero que irán recibindo ano a ano todas".

ESCOLAS INFANTÍS EN VIGO

Por outra banda, e en resposta a unha pregunta formulada polo grupo socialista sobre o financiamento da futura escola infantil que o Concello de Vigo planea abrir na Praza da Industria, Rei adiantou que a Xunta poñerá a disposición de todas as Administracións públicas interesadas os fondos que o Goberno central comprometeu para a creación de novas prazas públicas do primeiro ciclo de Educación Infantil.

Respecto desta nova escola, o director xeral convidou ao Goberno local de Vigo a presentar un proxecto formal para o centro e insistiu no compromiso autonómico con esta etapa educativa alí, con 2.135 prazas financiadas. 

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rei, responde a preguntas orais na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego. XOÁN CRESPO
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rei, responde a preguntas orais na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego. XOÁN CRESPO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta