A xustiza autoriza unha nai a vacinar a súa filla da covid a pesar da oposición do pai

O xuíz destaca que, no momento actual, é "a única alternativa eficiente fronte ao risco real de desenvolver a enfermidade" e alude ás recomendacións das diferentes autoridades europeas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2022 | Actualizada ás 16:35

Comparte esta noticia

O Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Santiago, especializado en Familia, autorizou unha nai a vacinar contra a covid-19 á súa filla de oito anos, a pesar da oposición do pai.

Desta forma, acordou atribuírlle en exclusiva a facultade de decidir sobre a inoculación fronte ao coronavirus da menor. Mentres, respecto do seu irmán, de catro anos, o xuíz decidiu non atribuír, polo momento, a ningún dos dous proxenitores a decisión sobre a súa vacinación, posto que polo momento non está facultado o medicamento para este colectivo e, por tanto, a decisión deberase tomar cando cumpra os cinco anos.

O maxistrado asegura na resolución que a "única perspectiva a ponderar" neste caso é a individual da menor, é dicir, "a identificación da maior protección e do mellor beneficio para a súa saúde", á vez que advirte de que deben quedar "en moi segundo plano" outras consideracións de saúde pública, "dada a natureza voluntaria da vacina".

Así, o xuíz destaca que, no momento actual, é "a única alternativa eficiente fronte ao risco real de desenvolver a enfermidade" e, ademais, subliña que o eventual risco para a saúde da menor derivado da súa inoculación é "moi inferior ao risco certo de contraer a enfermidade en caso de non vacinación, por moi leves que sexan a maioría dos casos diagnosticados ata a data nesa franxa de idade".

RECOMENDACIÓN DAS AUTORIDADES

No auto, o xuíz tamén recalca que as diferentes autoridades europeas e, en particular, as españolas recomendaron a vacinación en crianzas maiores de cinco anos tras ponderar os supostos riscos aos que alude o proxenitor da nena, entre eles "a ausencia de exixibilidade de previa prescrición médica individualizada e o risco de miocarditis ou outros efectos secundarios".

Na resolución lembra que a vacina foi aprobada pola Axencia Europea do Medicamento e pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, o que permite, segundo o xuíz, "presumir a súa elaboración coas máximas garantías de calidade, eficacia e seguridade". O maxistrado tamén indica que non consta que a administración da vacina supoña "un ataque á integridade da menor por razón de previas patoloxías, enfermidades, medicación prescrita" e outras.

Unha nena prepárase para ser vacinada contra a Covid no recinto feiral de Expourense. Rosa Veiga - Europa Press
Unha nena prepárase para ser vacinada contra a Covid no recinto feiral de Expourense. Rosa Veiga - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta