O BNG insiste na derrogación da reforma laboral

Ana Pontón di que "a proposta que hai sobre a mesa é decepcionante".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/01/2022 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu defender que hai que conseguir "a derrogación da reforma laboral do Partido Popular" fronte á que expón o goberno de PSOE e Podemos.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, en Lugo
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, en Lugo | Fonte: Europa Press.

Pontón deixou claro que "a proposta que hai sobre a mesa é decepcionante porque non cumpre con ese compromiso que se lle trasladou á cidadanía".

A líder dos nacionalistas considera que "non é lóxico que sexa igual de barato despedir cun Executivo do goberno do PP que cun Goberno de Podemos e do Partido Socialista".

"Nós o que reclamamos é que esa reforma se tramite como proxecto de lei para derrogar integramente a reforma do Partido Popular e recuperar a indemnización de 45 días por ano traballado, para que non haxa barra libre no despedimento e empresas que teñen beneficios multimillonarios non poidan despedir libremente aos seus traballadores", reivindicou.

Pontón tamén quere que "se recupere a autorización dos ERE por parte da autoridade laboral". "Recordo cando nos reunimos cos traballadores de Vestas (Viveiro) e dicían 'que mágoa que non se derrogase esa reforma laboral do PP', porque iso significaría que tería que autorizar a Xunta ese ERE", indica. "Coa proposta que nos fan PSOE e Unidas Podemos, todo isto queda exactamente igual", queixouse.

A portavoz nacional do BNG expón "ao Goberno que escolla se quere derrogar ou non a reforma do Partido Popular, porque non hai que baixar o listón á hora de defender o dereito dos traballadores e traballadoras, sobre todo cando hai unha maioría no congreso que pode posibilitar a derrogación íntegra desa reforma que foi abrasiva para os dereitos dos traballadores e traballadoras".

"O que dicimos é que hai unha maioría no Congreso que permite a derrogación íntegra da reforma laboral que fixo o Partido Popular e sería unha oportunidade perdida non facelo. Ese é o escenario sobre o que traballamos, porque hai marxe para derrogala e simplemente teñen que pesar os dereitos dos traballadores e traballadoras sobre os intereses da CEOE, é dicir da patronal", concluíu Ana Pontón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta