O Parlamento pide á Xunta elaborar un novo mapa de xeodestinos turísticos en Galicia

Tamén se lle pide ao goberno galego que cree un marco normativo para esta figura turística.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2022 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

A Comisión 6ª do Parlamento galego aprobou este venres por unanimidade a Proposición Non de Lei pola que, a petición do grupo socialista, ínstase á Xunta a elaborar e publicar un mapa definitivo dos xeodestinos turísticos de Galicia, así como a definir o marco normativo polo que se rexerá esta figura.

A deputada socialista Leticia Gallego defendeu ante a comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, a necesidade de que o Executivo galego cumpra coa proposta aprobada por unanimidade no Parlamento en marzo de 2021, na que se pedía redefinir os xeodestinos turísticos.

Para Gallego esta actitude demostra o "deixamento" da Axencia Galega de Turismo neste tema, que non quere solucionarse porque, para iso, "hai que sentar con moitos alcaldes e alcaldesas". Así, lamentou a "falta de planificación e diálogo" cos municipios, "que non son escoitados polo Goberno galego".

"É imprescindible, tal e como recolle a lei, que a Xunta abra un proceso de diálogo cos concellos e coas deputacións para estudar e redefinir os posibles cambios no mapa actual de geodestinos", incidiu. O mapa final, apuntou ademais, deberá adquirir "un verdadeiro carácter oficial coa súa publicación no DOG".

Nesta liña, subliñou tamén a importancia de desenvolver un marco normativo que defina con claridade o proceso de creación dos xeodestinos, así como os seus órganos xestores, funcións, competencias e mecanismos de modificación.

NOVO MAPA "EN POUCO TEMPO"

O deputado nacionalista Daniel Pérez tamén remarcou a importancia dos xeodestinos nun contexto pandémico e postpandémico, "onde debería adquirir un papel protagonista", dada ademais a súa influencia na desestacionalización dos fluxos turísticos. Pediu ademais unha regulación que evita "arbitrariedades e tratos desiguais".

Pola súa banda, Borja Verea, do grupo popular, lembrou que os xeodestinos foron aprobados nunha lei de 2011, "unha estratexia creada polo PP e unha ferramenta moi útil". "Desde 2012, investíronse máis de oito millóns de euros desde a Administración autonómica para a súa posta en marcha. Agora toca actualizalo e renovalo, e asignar mellor os recursos", comentou.

Ademais, confirmou que o Goberno galego está xa en conversacións cos concellos, dos que xa recibiron as propostas de mellora, e en pouco tempo presentarán o novo mapa.

Imaxe do Hemiciclo do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO DE GALICIA
Imaxe do Hemiciclo do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta