O Parlamento pide ao Congreso desbloquear a creación do fondo de compensación para vítimas de amianto

"Só en Ferrol, onde os efectos do amianto foron e son devastadores, están a facer seguimento a día de hoxe a unhas 1.200 persoas afectadas", lembrou o parlamentario Mon Fernández.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2022 | Actualizada ás 17:54

Comparte esta noticia

A Comisión 6ª do Parlamento aprobou este venres por unanimidade unha resolución para instar o Congreso dos Deputados a desbloquear a tramitación da Proposición de Lei de creación dun fondo de compensación para as vítimas do amianto nun prazo de tres meses.

Ante a Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, sinalou que, aínda que a iniciativa chegou ao Congreso de parte do Parlamento vasco, "é unha reivindicación compartida por todas as asociacións do Estado español, moi especialmente pola Asociación de Galega de Vítimas do Amianto (Agavida)".

Remarcou ademais que na Comunidade "aínda poden aparecer moitos casos". "Só en Ferrol, onde os efectos do amianto foron e son devastadores, están a facer seguimento a día de hoxe a unhas 1.200 persoas afectadas", lembrou.

O BNG subliñou a necesidade de acelerar a tramitación da iniciativa porque "as persoas afectadas "literalmente non teñen tempo que perder porque a enfermidade non concede prórrogas". Así, advertiu que os afectados e afectadas son vítimas de "incumprimentos moi graves en materia de seguridade e saúde laboral e de condutas culposas, tal e como recollen innumerables sentenzas e resolucións".

Tras as emendas, advertiu, aínda quedaría pendente o desenvolvemento regulamentario. "Non parece de recibo que os trámites comúns prolónguense máis aló do necesario", asegurou, referíndose tamén á solicitude presentada polo deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, ante a Mesa da Cámara baixa para que "peche dunha vez o prazo para a presentación de emendas", prorrogado 20 veces.

Pola súa banda, a deputada socialista, Leticia Gallego, lembrou que a iniciativa saíu adiante "só canto o PSOE comezou a gobernar" e que o PP votou "sucesivamente" para que non se tramite. "O compromiso socialista é claro e evidente", afirmou.

Na súa intervención, o popular Moisés Rodríguez comentou que "os socios de goberno non se poñen de acordo e buscan no PP un mediador externo", tras o que aseverou que a iniciativa é "un lavado de face", dado que "é o PSOE, co apoio do BNG, o que goberna". Respecto das "continuas ampliacións de prazo para as emendas", achacouno a "falta de vontade política".

Parlamento de Galicia. DAVID CABEZÓN @ XUNTA
Parlamento de Galicia. DAVID CABEZÓN @ XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta