Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2022 | Actualizada ás 18:23
A Deputación de Pontevedra, xunto á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, organiza o próximo 10 de febreiro, no castelo de Soutomaior, unha xornada de debate sobre os desafíos aos que se enfronta o sector da cultura tras a pandemia de covid-19. O encontro, 'Retos da cultura poscovid', foi presentado pola presidenta provincial, Carmela Silva; e a vicepresidenta da entidade cultural, Clara Cordeiro. A inscrición está xa aberta e cun máximo de 100 prazas.
"Todas e todos sufrimos moito coa pandemia, pero particularmente as persoas que se dedican á cultura cos confinamentos, redución de público e peches. Pero esta situación tamén demostrou que a xente necesitou á cultura para soportar a pandemia, e a cultura permite ademais construír sociedades avanzadas e modernas, con pensamento crítico", explicou Carmela Silva, que destacou ademais que nas charlas e mesas "participará xente moi potente e diversa e a xornada permitirá tecer redes, sumar sinerxías e pór en contacto aos profesionais do sector".
Ademais, remarcou que nas charlas profundarase "na sustentabilidade, o feminismo, a necesidade de expandir a cultura a todo o territorio e nas redes colaborativas".
PROGRAMA
O 10 de febreiro, a presidenta da Deputación abrirá a xornada xunto á presidenta da Asociación e exdirectora do Pazo de Congresos de Pontevedra, Pilar Portela. A continuación, terá lugar a conferencia marco 'Retos da cultura poscovid' a cargo de Benito Burgos, coordinador do programa Cultura e Cidadanía na Subdirección General de Cooperación Cultural do Ministerio de Cultura.
Unha hora despois dará comezo a mesa de debate sobre 'Retos de futuro da xestión cultural na provincia de Pontevedra', na que participan o xornalista Alfonso Pato; a tamén comunicadora especializada no campo da cultura Marián Rodríguez; a sociólogay técnica cultural Marta Núñez; a xestora e comisaria cultural Paula Cabaleiro, directora da área de Cultura da Deputación; e Jorge Linheira, investigador sobre políticas culturais e autor do libro 'A cultura como reserva india. Trinta e seis anos de políticas non culturais en Galicia'.
Finalmente, pechará a xornada, ás 12,30 horas, a mesa 'Proxectos inspiradores en xestión cultural na provincia de Pontevedra'. Alí presentaranse iniciativas como a colección de cinco libros 'Defensoras de Dereitos', con textos de Lara Dopazo e ilustracións de Marta Conde e Rotmlnas e no que colaborou a Deputación; ou a cooperativa 'Somos Terra', que ten por obxecto educar e sensibilizar sobre a sustentabilidade, da man dunha das súas socias, Eva López.
Silvia Villar, activista, xestora e investigadora sociocultural, presentará 'A casa colorida', organización colectiva que axuda a desenvolver proxectos a través de software libre. Mar García, programadora da Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas de Vigo, dará a coñecer 'Achegando culturas', proxecto social que impulsa a bibliotecay a Fundación Secretariado Xitano para fomentar a cultura e a integración.
A xornada péchase coa intervención da presidenta da Asociación e de Carlos Lorenzo, secretario da entidade, consultor cultural e director do documental 'Vértice de versos'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.