Galicia en Común preguntará ao Consello de RTVE no Congreso sobre a polémica do Benidorm Fest

Pide facer públicos os criterios para a composición do xurado e a puntuación de cada un deles, entre outras cuestións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2022 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

Galicia en Común presentará este luns no Congreso dos Deputados varias preguntas dirixidas ao Consello de RTVE sobre o cumprimento das bases do concurso Benidorm Fest, dada a polémica entre as conclusións do xurado e o voto do público durante as semifinais e a final do certame.

Segundo explicou a formación nun comunicado, a iniciativa --que parte do deputado Antón Gómez Reino-- pide facer públicos os criterios de valoración para a composición do xurado, a puntuación detallada de cada un deles segundo as regras e tamén os criterios de valoración estipulados nas bases do desenvolvemento do concurso para a puntuación final.

"O Consello de RTVE debe garantir un concurso con total transparencia", sinalou Gómez Reino, en referencia ao apoio popular xerado por bandas como Tanxugueiras e Rigoberta Bandini co resultado final para a elección do representante español a Eurovision 2022.

"Cremos que é deber dun organismo público atender ás queixas da poboación que non sente representada con esta decisión. O voto popular debe contar de verdade", incidiu Gómez Reino.

Galicia en Común preguntará tamén sobre o sistema de votación de mensaxería instantánea, que provocou problemas á hora de enviar as votacións e así se fixeron eco varias usuarias nas redes sociais.

Tanxugueiras no Benidorm Fest. RTVE
Tanxugueiras no Benidorm Fest. RTVE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Galicia en Común por fin atopou unha cuestión de Estado para figurar nos titulares ? Está ben preguntar, e postos a facer preguntas : Quen decidiu presentar a Yolanda Díaz cabeza de lista na circunscripción electoral de Pontevedra ? Cales foron os criterios ?

1 Sentidiño

Decidiu o voto demoscópico...