Novo revés para o Sergas: condenado a pagar máis de 500.000 euros a preto de 900 médicos

Terá que sufragar a totalidade das gardas dos médicos maiores de 55 anos, en total, 700 euros. Outra sentenza recoñece o dereito a cobrar o complemento de carreira a todo o persoal que cumpra cos requisitos de anos de servizo e formación

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O TSXG desestimou un recurso da Xunta, sen posibilidade de apelación, para impedir que pague máis de 500.000 euros a entre 800 e 900 médicos maiores de 55 anos . E é que este colectivo non ten a obriga de facer gardas pero poden facer, de forma voluntaria, xornadas complementarias, denominados módulos de atención continuada.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.. XUNTA
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.. XUNTA

Tras un acordo de 1998, estes módulos teñen unha correlación económica coas gardas, polo que cada módulo equivale a doce horas de garda presencial. Pero, desde hai uns anos, oSergas foi mellorando a retribución das gardas e non así desta atención continuada, polo que varios médicos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo acudiron aos tribunais ante o que consideraban unha práctica que recortaba desde hai anos unha parte importante das súas retribucións.

Tres sentencias, dos anos 2019, 2020 e 2021, deron a razón aos facultativos, anulando incluso a orde de confección de nóminas da Xunta de Galicia. A Administración galega recorreu ao Tribunal Supremo, pero este resolveu non admitir o recurso, e sen posibilidade de apelalo, polo que todos os médicos nesa situación verán melloradas as súas retribucións. Son en total un colectivo de entre 800 e 900 profesionais, segundo as fontes consultadas, que terían que percibir 700 euros brutos.

"CABREO MONUMENTAL" DO SERGAS

A Xunta ten un prazo de 3 meses. Os médicos que levan realizando módulos anteriores a 2019 poden reclamar a título individual os atrasos dos últimos 5 anos. "O Sergas ten un cabreo monumental porque considera inmoral unha subida de prezo tan esaxerada e xa convocou aos sindicatos para unha reorganización do prezo dos módulos nos próximos días e que sería de aplicación para toda Galicia", apuntan fontes consultadas por GC.

E é que o Sergas non está disposto a manter este sistema de pagos xa que no 2005 estableceuse un proceso de mellora da contía das gardas de presenza física e localizada do persoal facultativo. O que fará é no 2022 establecer unha contía para estas xornadas sen relacionala coa que había no 2021. Con iso o Sergas pretende abonar o que obrigan as sentenzas até o 2021, "pero a partir do ano 2022 cobrarán ou que dei a lei de orzamentos".

DIVISIÓN SINDICAL

Os colectivos afectados están convencidos de que o Sergas vai tentar dividir aos sindicatos. E nesta estratexia poderían ter éxito debido ás rifas persoais dos sindicatos médicos maioritarios (CESM e OMEGA), que se presentaron por separado e por tanto non conseguiron os votos necesarios para estar presentes nas mesas sectoriais.

Se a Xunta non paga nestes tres meses, o colectivo afectado pedirá que se execute a sentenza e unha vez que se lles pague "decidirán que fan co diñeiro sobrante". "Se o repartimos, doámolo a unha ONG ou a outros grupos independentes que reivindican dereitos profesionais (xubilación voluntaria 60 anos, cotización gardas para xubilación, ilegalidade gardas 24 horas, recuperación económica carreira profesional, etc) ou simplemente tomámonos unhas cañas".

OUTRA SENTENZA CONTRA A XUNTA

Por outra banda, a CIG anuncia que gañou outra sentenza no TSXG que recoñece o dereito a cobrar o complemento de carreira a todo o persoal que cumpra cos requisitos de anos de servizo e formación. A nova sentenza bota por terra a chantaxe de esixir a funcionarización para cobrar o complemento de carreira.

Esta sentenza anula a instrución 3ª da Orde de confección de nóminas de 2019 “...por entender que a mesma vulnera o dereito á igualdade e non discriminación (art.14 CE) do persoal laboral da Xunta de Galicia (fixo, indefinido e temporal)...impedíndolle participar no sistema de carreira profesional establecido e pactado coas centrais sindicais, privándolle do seu dereito á promoción profesional.”

A orde impugnada excluía do acceso ao grao I do sistema de carreira ao persoal laboral fixo que non presentase a solicitude de funcionarización (ou non superase o proceso). E no caso de que incumprise o compromiso tería que devolver os importes percibidos. "O fallo é moi claro en canto que o dereito á carreira é universal para quen cumpra os requisitos de anos de servizos e formación", destaca a CIG nun comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta