Toda a Cámara reclama que se adianten compensacións a mariscadoras polo dragado da ría do Burgo

O BNG insta á Xunta a non continuar como "espectador" á espera de que actúe o Executivo central.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2022 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

Todo o Parlamento galego reclamou á Xunta que adiante o diñeiro das compensacións económicas a mariscadoras --mediante a firma dun convenio co Estado cos fondos pertinentes-- por inactividade obrigada durante o tempo que duren as obras de dragado da ría do Burgo. Esta proposta do Bloque saíu adiante transaccionada co PPdeG, nunha proposta que, segundo explica Mercedes Queixas (BNG), busca "servir para dar seguridade económica" ás mariscadoras.

Lembra que no pleno do pasado 10 de decembro xa foi aprobada outra iniciativa para demandar ao Estado a compensación ou indemnización a este colectivo de profesionais polo período que non poidan exercer a súa actividade.

Agora, o Bloque agarda que o Goberno galego non continúe como "espectador" á espera de que actúe o Executivo central. E é que apunta que os 78 mariscadores afectados descoñecen os prazos das obras de rexeneración nin das axudas económicas por parte das administracións.

Igualmente, dixo que o Estado respondeu a unha pregunta do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, na que expón que as mariscadoras poden presentar reclamacións xudiciais se senten prexudicadas polas obras, unha resposta que Mercedes Queixas tacha de "improcedente".

No debate, a deputada popular Begoña Freire subliñou que esas obras "son competencia e responsabilidade exclusiva" do Estado, aínda que a Xunta "sempre mostrou a súa plena disposición a asumir a xestión e tramitación das indemnizacións" a condición de que se teña "a seguridade de que o Goberno central transfira a Galicia os fondos necesarios".

Por outra banda, nesta comisión tamén houbo outro acordo por unanimidade --nunha proposición do PPdeG--, o cal insta á Xunta a dirixirse ao Executivo central para que adecúe e afine os modelos de xestión das cotas para evitar que existan paralizacións provisionais de especies fundamentais cando non sexan rendibles economicamente segundo os datos de consumo e que prexudican gravemente á frota galega.

Comisión de Pesca. PARLAMENTO
Comisión de Pesca. PARLAMENTO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta