A Xunta deu 38 millóns de euros a unha empresa sanitaria que agora estaría a "incumprir" o seu contrato

CCOO e CIG piden ao Sergas que interveña o servizo "privatizado" tras constatar que a empresa só ten en nómina á metade dos traballadores que acordara con Sanidade. Denuncian, asemade, que estaría a recortar os servizos prestados para "sacar tallada" do contrato público.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2022 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

Nova denuncia contra a xestión do Servizo Galego de Saúde e a privatización de servizos da banda da Consellería de Sanidade. Os sindicatos CCOO e CIG veñen de denunciar un contrato millonario concedido polo ente da Xunta de Galicia a unha empresa que, agora, estaría a verse asedidada por acusacións de "irregularidades" na prestación do servizo.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.. Salomé Montes - Europa Press
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.. Salomé Montes - Europa Press

A entidade en cuestión é Esteve Teijin, concesionaria do servizo de tratamentos respiratorios e domicilio. Segundo destacan dende os sindicatos apuntados, a empresa "está recortando as prestacións para 'sacar tallada' económica á custa de milleiros de doentes". Denuncian así os "graves incumprimentos" da beneficiaria dun contrato por case 40 millóns de euros --38'9-- e que debería prestar servizo en materia de 25.000 tratamentos respiratorios a domicilio.

Segundo os sindicatos, a empresa estaría a empeorar as condicións laborais e tamén de milleiros de doentes das áreas sanitarias de Vigo, Pontevedra-O Salnés e Santiago-Barbanza, razón pola que veñen de convocar unha folga os vindeiros 14 e 21 de febreiro e, por riba, demandan ao Sergas que interveña o servizo e o devolva aos profesionais da sanidade pública.

"INCUMPRIMENTOS" DO CONTRATO

Entre os presuntos recortes no servizo, os sindicatos aluden a un número de traballadores e traballadoras inferior ao que marcan os pregos de contratación. "Por contrato, debería haber 136 profesionais, pero a día de hoxe Esteve Teijin só conta con pouco máis da metade, 77", destacan as mesmas fontes.

Por iso CCOO e a CIG esixen que o Sergas exerza as súas competencias e faga cumprir o contrato, inclusive as cláusulas sancionadoras; pois, segundo explican, está prevista unha multa diaria á concesionaria por cada traballador ou traballadora a menos que asigne ao servizo. "Para que isto se cumpra, a Administración tería que estar controlando con que persoal conta Esteve Teijin, pero non o fai", denunciou Pedro Comesaña, responsable de Política Industrial de CCOO-Industria.

"Actualmente hai 53 traballadores e traballadoras para as áreas sanitarias de Vigo e Pontevedra-O Salnés (o contrato fixa 88), e 24 para Santiago-Barbanza (o contrato marca 48). Para sortear as posibles sancións, houbo despedimentos por motivos supostamente 'disciplinarios', que neste caso non computan para os efectos dunha multa económica", inciden. Ao tempo, segundo apuntan, "non se cobren as baixas, vacacións ou permisos, sobrecargando de traballo o resto do persoal". "O número de doentes que nos asignan cada día é inasumible", lamentou Aarón Sestay, delegado de CCOO.

Á parte do conflito laboral, CCOO e CIG tamén explicaron os prexuízos que os recortes de Esteve Teijin causan aos milleiros de doentes que a empresa debe atender anualmente. O pasado novembro, de xeito unilateral, a empresa instou as traballadoras e traballadores a contactaren cos doentes para informalos de que, a partir dese momento, o servizo que se prestaba a domicilio pasaba a facerse nun Centro Respiratorio Esteve Teijin Asistencial (CRETA). Esta medida, aseguran, supón incumprir coa natureza do propio servizo —tratamento ambulatorio—, pero tamén, inciden "obriga a facer, nalgúns casos, ata 30 ou 50 km desde o domicilio ata o CRETA de referencia", explicou Carla Jiménez, delegada de CCOO.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Patricio

Xa vai convocar Feijoo unha oposicion, TRANQUILIDADE Ata parece que algun prefire morrer para poderlle botar as culpas ó PP