Un estudo con participación galega detecta risco de cancros múltiples en homes con mutacións nos xenes BRCA

Até agora, sabíase que as versións defectuosas dos xenes BRCA1 e BRCA2 aumentan o risco de cancro de ovarios e tamén o de mama en mulleres e homes. Agora, relaciónanse tamén cun maior risco de cancro de próstata, páncreas e estómago en varóns.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 04/02/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Até agora, sabíase que as versións defectuosas dos xenes BRCA1 e BRCA2 aumentan o risco de cancro de ovarios e de mama en homes e mulleres. Desde que se descubriron estes xenes, a mediados da década de 1990, numerosos estudos exploraron posibles vínculos entre as mutacións BRCA1 e BRCA2 e outros tipos de cancro. Con todo, esas investigacións fixéronse con mostras de poboación pequenas. Agora, un amplo estudo internacional con participación galega relaciona esas mutacións con outros tipos de cancro, en concreto, os de próstata, páncreas e estómago en homes.

Cancro de próstata
Cancro de próstata | Fonte: National Human Genome Research Institute (NHGRI).

Como explica o Instituto Nacional do Cancro de Estados Unidos, o BRCA1 e o BRCA2 son xenes que producen proteínas que reparan danos no ADN. Cada persoa herda dúas copias de cada un destes xenes: unha da nai e unha do pai. O BRCA1 e o BRCA2 ás veces coñécense como xenes supresores de tumores porque cando teñen cambios específicos, chamados variantes (ou mutacións) daniñas (ou  patóxenas), é posible que apareza o cancro.

As persoas que herdan variantes daniñas nun destes xenes teñen un aumento no risco de varios tipos de cancro, sobre todo do cancro de seo (mama) e o cancro de ovario. As persoas que herdan unha variante daniña en BRCA1 e en BRCA2 tamén tenden a presentar cancro a unha idade máis nova que as que non a teñen.

É posible herdar unha variante daniña en BRCA1 ou en BRCA2 da nai ou do pai. Os fillos dunha persoa portadora de calquera das mutacións nun destes xenes teñen unha probabilidade do 50 % de herdar a mutación, segundo algúns estudos. As mutacións hereditarias (chamadas variantes ou  mutacións da liña xerminal) están presentes en todas as células do corpo desde o nacemento. 

No estudo, liderado por científicos das universidades de Cambridge e Melbourne, participaron dúas investigadoras da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela

Aínda que alguén herde unha variante daniña en BRCA1 ou en BRCA2 do seu pai ou da súa nai, tamén herda unha copia normal dese xene da outra parte. Isto ocorre porque, na maioría dos casos, os embrións cunha variante daniña de ambos os proxenitores non se desenvolven. Con todo, ao longo da vida desa persoa, é posible que a copia normal se perda ou cambie nalgunhas células do corpo. Este cambio chámase mutación somática. Ás veces cando as células non teñen ningunha proteína BRCA1 ou BRCA2 que funciona, multiplícanse sen control e convértense en cancro.

O caso é que até agora, esas versións defectuosas dos xenes BRCA1 e BRCA2 relacionábanse cun aumento do risco de cancro de mama en homes e mulleres, e o de ovarios. Co novo estudo, esas mutacións “relaciónanse tamén con outros cancros, incluídos os que afectan aos homes”, destacan os autores da investigación.

O estudo estivo liderado por científicos das universidades británica de Cambridge e australiana de Melbourne, e nel, entre os 102 investigadores de diversos países que asinan os resultados, participaron Marta Santamariña e Ana Vega, adscritas á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.

O propósito destes científicos foi “proporcionar estimacións precisas dos riscos específicos estimados por idade de tipos de cancros distintos aos de mama e ovario asociados con variantes patóxenas en BRCA1 e BRCA2” para, así, conseguir unha mellor xestión do risco de cancro na poboación.

Para o estudo, analizaron datos de 3.184 familias cun ou máis membros coa mutación  BRCA1 e 2.157 familias con membros portadores da mutación BRCA2. Os investigadores examinaron as asociacións con 22 cancros primarios (tumor orixinal ou primeiro no corpo).

RELACIÓNS COS CANCROS MAMA, PRÓSTATA, PÁNCREAS E ESTÓMAGO

Detalladamente, atoparon que as alteracións xenéticas no BRCA1 se asocian con riscos de cancro de mama masculina, páncreas e estómago. Os datos, din, tamén “suxiren asociacións co cancro colorrectal e de vesícula biliar”.

En canto ás mutacións no BRCA2, estas asociáronse con riscos de mama masculina, estómago, páncreas e próstata. O risco relativo de cancro de estómago foi maior para as mulleres que para os homes (6,89 contra 2,76). Os riscos absolutos aos 80 anos variaron entre o 0,4% para o cancro de mama masculino, ata aproximadamente o 2,5% para o cancro de páncreas para os portadores de BRCA1, e de aproximadamente o 2,5% para o cancro de páncreas, ata o 27% para o cancro de próstata para os portadores de BRCA2.

Os investigadores estimaron que os homes que portan unha mutación BRCA2 teñen un 27% de risco de desenvolver cancro de próstata cando teñan 80 anos, máis do dobre da taxa en comparación cos non portadores

Polo tanto, e a partir dos datos, os investigadores estimaron que os homes que portan unha mutación  BRCA2 teñen un 27% de risco de desenvolver cancro de próstata cando teñan 80 anos, máis do dobre da taxa en comparación cos non portadores. Porén, as mutacións  BRCA1 non se asociaron cun aumento no risco de cancro de próstata.

Portar unha copia defectuosa de BRCA1 ou BRCA2 aumenta, ademais, máis do dobre o risco de cancro de páncreas dunha persoa ao 2,5-3% aos 80 anos. Tamén se descubriu que as mutacións aumentan o risco de cancro de estómago, aínda que os investigadores advirten que debido á rareza desta forma de cancro, a cantidade de pacientes nos seus conxuntos de datos era pequena.

Por outro lado, explican que se ben as mutacións en ambos os xenes parecen aumentar significativamente o risco de cancro de mama nos homes, esta enfermidade segue sendo moi rara e representa menos do 1% de todos os casos de cancro masculino no Reino Unido. En España, por exemplo, os datos globais apuntan que o cancro de mama afecta a un home por cada cen mulleres. En todo caso, o risco existe, e mentres que unha mutación BRCA1 aumentou o risco dun home de desenvolver cancro de mama máis de catro veces a 0,4 % aos 80 anos, unha mutación  BRCA2 aumentou este risco 44 veces a 3,8 % aos 80 anos. Estímase que 38 de cada 1000 homes portadores da mutación BRCA2 desenvolverá cancro de mama aos 80 anos.

NON ATOPAN RELACIÓN CO MELANOMA

A análise dos datos levounos a concluír que “ademais dos cancros de mama e ovarios en mulleres, as mutacións nos xenes BRCA1 e BRCA2 están asociadas a un maior risco de cancro masculino de mama, páncreas, estómago e próstata, mais non cos riscos doutros cancros suxeridos anteriormente”.

“Os nosos datos suxiren que non existe un vínculo forte entre BRCA2 e o melanoma"

En concreto, os investigadores non puideron atopar probas sólidas de que as mutacións nestes xenes estivesen relacionadas cun maior risco doutros tipos de cancro que anteriormente se pensaba que estaban relacionados con BRCA1 e BRCA2 defectuosos, como o melanoma. “Os nosos datos suxiren que non existe un vínculo forte entre BRCA2 e o melanoma, o que pode brindar maior claridade aos portadores deste xene”, explican.

Considérase que este é o estudo que proporcionou, até agora, a evidencia máis sólida dos vínculos entre as versións defectuosas dos xenes BRCA1 e BRCA2 e varios tipos de cancros. "Os riscos específicos estimados por idade perfeccionarán a xestión do risco de cancro en homes e mulleres con mutacións BRCA1 e BRCA2”, salientan os autores.

Os resultados son moi importantes, xa que ser capaz de estimar do xeito máis preciso posible os riscos de padecer un cancro é moi importante para deseñar estratexias de detección e prevención do cancro temperás e para poder ofrecer asesoramento xenético ás persoas con maior risco. Calcúlase que as mutacións xenéticas BRCA afectan ao redor de 1 de cada 300-400 persoas.

“Estes grandes conxuntos de datos de pacientes permitíronnos estimar con moita maior precisión a medida en que os xenes  BRCA1 e BRCA2 defectuosos aumentan o risco de varios tipos de cancro. Sabemos desde hai algún tempo que están relacionados co cancro de mama e de ovario, pero houbo incerteza sobre outros tipos de cancro”, explican os responsables da investigación.

Neste sentido, apuntan que “o vínculo entre BRCA2 e o cancro de próstata e o de páncreas agora é moito máis claro, grazas aos datos que analizamos”. E destacan tamén, entre os seus resultados, que puideron “identificar un vínculo potencial co cancro de estómago, pero isto baséase en números pequenos e necesita máis estudo”.

“En xeral, os resultados sumaranse ao noso coñecemento sobre a optimización das estratexias de detección temperá e detección do cancro para as persoas que se sabe que portan estes xenes defectuosos”, conclúen.

CANCRO DE OVARIOS

Este novo estudo chega pouco despois de que científicos especializados en células nai do Centro Médico Cedars-Sinaí (Los Ángeles, Estados Unidos) presentasen os resultados doutra investigación que, din, permiten avanzar con moitos anos de antelación que mulleres coa mutación BRCA-1 desenvolverán cancro de ovarios.

Os investigadores atoparon múltiples patoloxías celulares consistentes co desenvolvemento do cancro só nos organoides de mulleres con BRCA1

Neste caso, os científicos desenvolveron células nai pluripotentes inducidas (capaces de xenerar a maioría dos tecidos). Tomaron mostras de sangue de dous grupos de mulleres: pacientes con cancro de ovario que tiñan a mutación BRCA-1 e un grupo de control de mulleres sas. Os investigadores utilizaron as células pluripotentes inducidas para producir organoides (masa de tecido diminuta tridimensional creada no laboratorio mediante o cultivo de células nai) que modelaran o revestimento das trompas de Falopio e compararon os organoides dos dous grupos.

Os investigadores atoparon múltiples patoloxías celulares consistentes co desenvolvemento do cancro só nos organoides das pacientes con BRCA1. Os organoides derivados das mulleres co cancro de ovario máis agresivo mostraban a patoloxía organoide máis grave.

Deste xeito, co modelado de tecidos das trompas de Falopio, pódese caracterizar como unha mutación xenética pon ás mulleres en alto risco de padecer cancro e predicir moitos anos antes se o padecerán.

Os datos acumulados até agora indican que o risco de desenvolver un cancro de ovario ao longo da vida é inferior ao 2% para a poboación feminina, en xeral. Porén, este risco elévase entre o 35% e o 70% para as mulleres portadoras dunha mutación no xene BRCA-1.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta