As "deficiencias" da Educación pública na sexta onda da Covid: moitos contaxios, frío e poucas máscaras

Unha enquisa de ANPE di que máis do 70% dos enquisados tivo alumnos positivos ou contactos estreitos; e en torno a un 10% que tiveron aulas enteiras contaxiadas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/02/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

ANPE Galicia acaba de realizar unha enquisa ao profesorado para coñecer o estado actual das aulas en Galicia e como se está afrontando a COVID tras o parón do Nadal. Unha enquisa que apunta a “deficiencias” nos centros educativos.

Estudante nunha aula
Estudante nunha aula | Fonte: EP

Así, segundo apunta ANPE nun comunicado, a “inmensa maioría dos docentes que contestaron a enquisa” afirman que nos centros educativos pásase frío, que non se facilita unha máscara de protección a diario (ou o número suficiente para un período de tempo), que non hai medidores de CO2 na maioría dos centros e, naqueles onde si os hai, non alcanzan a todas as aulas.

Na enquisa participaron profesores e profesoras de centros educativos públicos de toda a Comunidade: o 23,4% de zona rural, o 35,8% de vilas e o 40,8% das 7 grandes cidades galegas. A participación abarca a docentes de todas as ensinanzas: Mestres/as, secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial.

A mostra pon de manifesto que no 79,8% das aulas existe ventilación permanente mantendo as fiestras abertas toda a xornada; que nun 19,2% ventilan cada certo tempo. E que o 71,1% dos enquisados pasa frío a pesar de dispor de calefacción. Tamén recolle que os medidores de CO2 non están presentes en máis de 3 de cada 4 aulas, un risco engadido, ao carecer de información nestes espazos. 

"En relación ao material hixiénico e sanitario, as gráficas revelan un dato moi preocupante para a saúde dos traballadores e traballadoras, alumnos e alumnas e familias, que conviven nos centros educativos: soamente o 23,4% dos docentes afirma recibir unha máscara diaria (ou un lote suficiente para un período equivalente a unha por día)", recolle o informe. Deles un 52,1% manifesta que se lles entrega máscara hixiénica (non suficiente garantía fronte ao contaxio segundo os expertos), fronte a un 19,4% que afirma recibir unha máscara FFP2. Finalmente, os centros dispoñen de xel hidroalcohólico nun 49,6% dos casos. 

Unha das aulas dun colexio. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press
Unha das aulas dun colexio. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press

CONTAXIOS

Noutra orde de cousas, cabe destacar que o 98,4% dos centros presentan ou presentaron alumnado e/ou docentes contaxiados.  En referencia a este asunto, o máis destacable é que unha porcentaxe superior ao 70% dos enquisados refire que tivo alumnos positivos ou contactos estreitos; e en torno a un 10% que tiveron aulas enteiras

Respecto do contaxio do profesorado, á pregunta "Hai baixas de profesorado no teu centro?", preto dun 20% refiren entre 5 e 10 casos; un 10% refiren 4 casos; preto doutro 20% refiren 3 casos; un 24,5% refiren 2 casos e un 23,8% refiren un caso. 

"Estanse cubrindo estas baixas de profesorado?". No 75% dos casos os enquisados afirman que a Consellería procedeu á cobertura desas baixas pero en 1 de cada 4 casos non foi así. Esta realidade pon de manifesto que a detección, comunicación e substitución das baixas do profesorado debe ser unha prioridade para reducir esta elevada porcentaxe de profesorado sen substitución, para dar continuidade á actividade docente nas aulas cubrindo as baixas con especialistas das materias e non con profesorado de garda, transformando as aulas en meras garderías. 

PROPOSTAS

Tras a publicación destes datos, ANPE insiste en que se acelere a vacinación de todo o profesorado e do almunado menor de 12 anos, que se faciliten máscaras diarias aos docentes, que se reforce o sistema de calefacción nos centros, a instalación dun medidor de CO2 en cada estancia e PCRS ou test de antíxenos para o alumnado e profesorado cando se detecten casos positivos nas aulas. Tamén reclama un “protocolo claro” ante a detección de casos positivos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta