Galicia administrará a terceira dose antes dos cinco meses aos curados de covid que o soliciten

"O protocolo permite facelo despois de catro semanas", destacou Feijóo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2022 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde administrará a terceira dose da vacina contra a covid antes dos cinco meses a aquelas persoas que pasasen recentemente a enfermidade e que así o soliciten. Diso informou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno.

Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico lembrou que as últimas recomendacións aconsellan esperar cinco meses desde que se pasa o virus para recibir a terceira dose. En todo caso, explicou que a Xunta adopta un "dobre criterio". Así, con carácter xeral, o Sergas citará a esas persoas cando pasen o cinco meses. Con todo, se algunha desexa vacinarse antes, dado que "o protocolo permite facelo despois de catro semanas", poderá pedir cita a través do teléfono 881 54 00 45.

Ademais, a este número tamén poderán chamar todas as persoas que non puidesen acudir a vacinarse por motivos persoais ou laborais no día que foron citados. Nos próximos días, ademais, o Sergas habilitará autocitas para todas as persoas que non puideron acudir no día no que foron chamadas.

"Á CABEZA EN VACINACIÓN"

"Levamos administradas case 6 millóns de doses, o 94,5% dos galegos maiores de 12 anos teñen dobre dose de vacina, fronte ao 90% da media de España. Estamos á cabeza de vacinación de todos os grupos etarios", destacou o presidente. Así, citou o caso dos menores de entre cinco e 12 anos, para asegurar que o 81,5% xa conta coa primeira dose, "25 puntos por encima da media estatal", e que desde o martes chamouse a 48.000 nenos desta idade para que reciban a segunda dose.

Vacinación cotra a covid-19 no Hospital Marítimo de Oza / M. Dylan - Europa Press.   / Europa Press
Vacinación cotra a covid-19 no Hospital Marítimo de Oza / M. Dylan - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta