O caso Born

“Un náufrago desmemoriado é rescatado do mar por mariñeiros italianos. O home non leva ren canda si. Só unas balas fincadas nas costas e un número de conta dun banco suízo adherido á cadeira. Non posúe identidade nin pasado, pero ten unha serie de aptitudes (don de linguas, artes marciais) que permiten deducir o desempeño dunha profesión de risco”. Esta podería ser a sinopse dun documental sobre a vida dun fillo calquer de Jordi Pujol pero non, é o resumo que Filmaffinity fornece sobre a película de Doug Liman “The Bourne Identity” (2002).

Por Xurxo Ayán | Gasteiz | 07/05/2014

Comparte esta noticia
Imos falar aquí doutro caso Borne, concretamente o do Mercat del Born en Barcelona. É un magnífico exemplo do vencello existente entre patrimonio, política e identidade, e por iso adoitamos explicalo en másters de xestión do patrimonio. Por ese mesmo motivo, a arqueóloga Lorena Merlos Gil vai presentar no vindeiro congreso de xoves investigadores en Arqueoloxía (Gasteiz, maio de 2014) a ponencia: “El mercat del Born, usos polítics en detriment de les clases populars”.
 
A microhistoria do Born garda relación co devalar de moitos inmobles nesas cidades dos prodixios que mudaron de fasquía coa chegada da Modernidade. O mercat del Born ergueuse en 1878 con esa fachenda propia das estruturas metálicas que simbolizaban o porvir e que tan ben se representaban daquela nas Exposicións universais, como a de Barcelona de 1888. No ano 1920 pasou a converterse no principal mercado de froitas e verduras da cidade condal até o seu traslado á zona franca en 1971. Na tónica do tardofranquismo os políticos locais viron unha oportunidade de negocio e idearon promover un megaaparcamento subterráneo. Esta manobra propia da especulación urbanística contou cun inimigo inesperado: o xurdimento dun movemento contestatario cidadán que defendía o uso deste espazo emblemático do barrio como ateneo popular. A morte do ditador e o comezo da transición deu azos a unha cidadanía que deu a guerra sobre todo nos anos 1976 e 1977. Malia a ocupación franquista da cidade e os 40 anos de feixismo, na capital catalana aínda perduraba o espírito dos ateneos libertarios da IIª República. O proceso de patrimonialización desatado neses anos concebía o vello mercado modernista coma un referente identitario local, coma un ben cultural que contribuiría á recuperación do decadente casco histórico.
 
O tempo pasou e a modernización de Barcelona co gallo das Olimpiadas unicamente serviu para “limpar” o barrio chinés, as Ramblas e a Plaça Reial. As promesas incumplidas levaron á veciñanza a okupar o mercado vinte anos despois, en marzo de 1996. A loita popular puxo sobre a mesa o caso Born e o Concello decidiu empregar o mercado como sé da nova Biblioteca Provincial. Será agora, no ano 2002, ao encetar as obras, cando emerxa un novo convidado de pedra que ninguén agardaba: o patrimonio arqueolóxico subterráneo. Trala conquista borbónica da cidade, Filipe V decide controlar para sempre Barcelona mediante a construcción das escenografías arquitectónicas máis efectivas que podía aportar a arte da guerra por aquel entón. O proxecto da Ciutadella conlevou o derrubo de 1.200 vivendas e o desaloxo de 4.500 persoas que foron trasladadas do barrio da Ribera á Barceloneta.
 
As obras para alicerzar a Biblioteca deron de cheo con esta Pompeia do XVIII, un entramado doméstico non destruído pola furia da natureza senón pola represión dos vencedores. Esta é a historia soterrada do Born que tanto anoxa á ultradereita instalada no goberno de España. Parafraseando aquela frase maxistral da Pantoja: “piedras, huesos, que es lo que les jode”. A evidencia física desas falcatruadas é o que non pode soportar a caverna feixista española, xa sexan os esqueletos nas foxas, os negros empoleirados no valado africano ou as casas escaralladas pola caridade dos Borbóns. Nesta liña, os nacionalistas españois denuncian o uso político que das ruínas do Born fai o catalanismo. Como se o Museo do Prado ou calquer museo arqueolóxico provincial non fose unha ferramenta política. Claro, como o nacionalismo de Estado semella non existir, pois nada, dende Madrid fan ciencia e dende Gasteiz, Barcelona e Compostela facemos política.
 
As escavacións arqueolóxicas no Borne foron executadas con rigor metodolóxico, de xeito impecable. O deseño do espazo (á marxe de gustos particulares) volve amosar a boa saúde da museística catalana, a nivel europeo. Así e todo, o que máis chama a atención é a afluencia de xente, de familias enteiras que visitan con respecto e en silenzo as ruínas do Born. A arqueoloxía serviulle en bandexa ao nacionalismo catalán o que se chama un “lugar de memoria”. En 2014 o Born está sendo un dos escenarios simbólicos da aposta independentista. Exposicións sobre o sitio de 1714 recollen o lema dos defensores: “Fins a aconseguir-ho!” Pancartas chaman a vivir en liberdade. O Born concíbese coma un centro de interpretación, coma un espazo máis, vencellado ao Museu d’Història de la Ciutat.
 
Paréceme interesante constatar este troco patrimonial do mercado do Born: mentres en 1976 a cidadanía reclamaba o seu uso social como Ateneo popular, agora en 2014, é un parque temático da identidade nacional, xestionado pola Administración. Dende 2009 unha plataforma cidadá de veciños, comerciantes e intelectuais, esixiu novamente a implicación da comunidade (local) nas decisións que se tomasen sobre este espazo.
 
No Born conflúen os dous procesos que se reflicten no parlamento catalán: por unha banda, a construcción dun estado-nación a secas e doutra banda, o deseño dun novo marco político que afonde na democracia, a participación cidadá e a xustiza social.
 
A Arqueoloxía serve tanto para unha tarefa como para a outra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA