"Galicia é tanto un 'state of mind' coma un 'state of heart'"

Gabriel-Rei Doval é un dos grandes impulsores do galego nos EE.UU. Alí celebrase estes días o simposio "(Re)Mapping Galician Studies in North America" que pretende "poñer no mapa" os estudos e a importancia que o galego ten nese país.

Por Xurxo Salgado | Milwaukee | 03/05/2014 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

En setembro de 2013 botaba a andar o Grupo de Investigación en Estudos Galegos da Universidade de Wisconsin-Milwaukee da man dun incansable investigador, sociolingüísta e profesor nesta universidade, Gabriel Rei-Doval, e co obxectivo de universalizar e afondar no estudo da lingua galega.

Gabriel Rei-Doval
Gabriel Rei-Doval

Polo momento, este grupo xa ten varios proxectos de investigación en marcha, algúns deles moi ambiciosos. Así, e ademais do seguimento e activismo a favor da campaña MLA Galician Studies, para incluír o galego na Asociación de Linguas Modernas, está a celebrar estes días o simposio "(Re)Mapping Galician Studies in North America".

Este congreso pretende ofrecer un punto de encontro para facilitar o intercambio de ideas críticas e de propostas disciplinarias sobre o presente e o futuro dos Estudios Galegos no mundo académico norteamericano. Entre outros proxectos, este grupo tamén está levando a cabo un estudio para a creación dunha sección permanente en Estudos Galegos na Asociación de Linguas Modernas, un proxecto de investigación para mapear a presenza de publicacións relacionadas co galego e unha enquisa sobre a vida e as contribucións dos galegos. 

Por que é necesario "mapear" os estudos do galego en Norteamérica?

En realidade o que pretendemos desde Milwaukee é poñer no mapa, visualizar, o que xa existe e moitos colegas de diferentes universidades están a facer de maneira silenciosa e se cadra non coordinada. Trátase de visualizar e dar voz, imaxe e contexto ó que afortunadamente xa existe. Este é un intento de “espectacularizar” a lingua, cultura e literatura galegas en Norteamérica. É tempo da acción total por Galicia e pola nosa lingua.

Gabriel Rei-Doval na Universidade de Wisconsin-Milwaukee Gabriel Rei-Doval na Universidade de Wisconsin-Milwaukee
Gabriel Rei-Doval na Universidade de Wisconsin-Milwaukee Gabriel Rei-Doval na Universidade de Wisconsin-Milwaukee

Que expectativas tes postas neste congreso?

A expectativa é que sirva para crear músculo académico para os Estudos Galegos en Norteamérica, tanto nos EEUU coma en Canadá. Que cada un de nós sexa xermolo dun mangado de galicianistas nun futuro próximo, e que Galicia, a nosa cultura e a nosa lingua sexan cada vez máis e mellor coñecidos neste corazón dun Imperio que, por moi poderoso que sexa, non poderá sobrevivir sen o alimento que a ricaz e variada tradición cultural galega poden prover ás outras culturas do mundo, tamén a norteamericana.

E cal é o teu obxectivo final?

Como dixen, a idea é ir creando músculo académico para axudar a visibilizar unha Galicia que é tanto territorial coma extraterritorial. Galicia é tanto un “state of mind” coma un “state of heart”. Parafraseando ó Presidente Kennedy, non se trata do que Galician Studies pode facer por nós, senón o que nós podemos facer por Galician Studies.

Levas xa moitos anos de docencia nos EE.UU. Que busca un estudante ou investigador cando elixe o galego?

Efectivamente, este ano cúmprese unha década desde a miña chegada ós Estados Unidos. Agora paréceme intuír mellor como axudar a facilita-la entrada da cultura e lingua de Galicia neste que é o meu país de acollida. Os estudantes que desde a súa mocidade saben de Galicia descobren un mundo novo, que ás veces lles descobre unha forma tamén nova de sentir, pensar e estar no mundo. Porque, como dicía unha campaña de dinamización lingüística, “en galego, estamos no mundo”.

Que é o que máis lles gusta da nosa cultura, do noso país?

O que máis sorprende da nosa cultura é a súa capacidade para se manter e revitalizar, como din en inglés, a súa “resilience”, a pesar de todo e de todos. Pregúntanme por que Galicia segue non só resistindo, senón tamén existindo, a pesar de todo. E eu dígolles, é que Galicia contén en si mesma un mundo enteiro. Como dicía miña avoa “é que Ghalicia éche moi ghrande”.

E o que menos?

O que menos gusta é probablemente o espírito de “loser” ou perdedor no que moitos galegos seguen teimando de forma insensata e inútil. A algúns se cadra pareceralles poético, pero como digo é absolutamente inútil, e desde logo non encaixa na mentalidade norteamericana. Claro que só quen perdeu moito sabe apreza-lo que é gañar.

Cres que ten potencial de futuro nese país?

Eu coido que Galicia ten que aprender a facerse valer, cara a dentro e tamén cara a fóra. Os galegos temos moito de que sentirnos orgullosos, e moito que ofrecer ó mundo. Esta é unha das bases do noso (Re)Mapping Galician Studies in North America. Necesitamos ser conscientes de que, como dicía un programa da TVG, somos unha potencia, mesmo desde a nosa dimensión supostamente minúscula.

Ti es o impulsor do Grupo de Investigación en Estudos Galegos da Universidade de Wisconsin-Milwaukee, que traballo estades agora a realizar, ademais de organizar este congreso?

O noso grupo naceu hai menos dun ano, pero xa antes diso facilitamos e liderámo-la proposta MLA Galician Studies, que puxo na boca e na mente de moitos académicos norteamericanos a existencia dunha realidade emerxente chamada Galicia, que é relevante tanto para o mundo lusófono coma para o hispánico, e asemade para diversos ámbitos: os Estudos Postcoloniais, Celtas, Transatlánticos, Ibéricos, Culturais ou de migración, entre outros.

Nestes momentos sómo-lo grupo de investigación en Estudos Galegos máis numeroso de ningunha universidade desta parte do hemisferio. Queremos logo aproveitar ese potencial humano co que contamos para visibilizar e dar corpo á investigación sobre Galicia e a súa lingua milenaria. Nestes momentos, pensamos en iniciar unha investigación historiográfica sobre os estudos galegos en Norteamérica, tanto no que se refire a publicacións coma a congresos académicos. Ademais, ó longo deste ano elaboraremos un estudo sobre o sentido e percepción dos temas galegos entre académicos norteamericanos . Temos máis ideas, pero temos que ir de vagariño. Amodo que temos présa.

Unha das principais campañas que tedes realizado é unha recollida de apoios para que os estudos galegos conten cunha sección propia na Modern Laguage Association. Como está esta cuestión?

Nestes momentos, a todopoderosa Modern Language Association está considerando a nosa proposta. Queremos que a lingua, cultura e literatura galegas teñan o posto máis distinguido posible, e niso traballamos arreo creando rede e facendo campaña de apoio a todo o que representa Galicia. Para nós non hai mellor maneira de querer Galicia e de ser galegos. En http://groupsdiscussion.commons.mla.org/revised-draft-proposal/ pode verse como Galicia e todo o que o noso país representa concita moitos máis apoios e simpatía do que moitos poderían imaxinar.

Cales son os teus proxectos futuros no campo da lingua en EE.UU.?

O proxecto principal é facer que a lingua nacional de Galicia sexa recoñecida, valorada e estudada por tantos norteamericanos como poidamos sumar ó potencial xa existente en Galicia. Desde hai máis de dúas décadas interésame a investigación sociolingüística, e nestes momentos tento combinar o que iso supón coa dimensión máis psico- e neurolingüística. Tamén me interesan os contextos de fronteira (a galego-portuguesa, por exemplo), así como o estudo historiográfico da lingüística galega. Porque para min, antes, agora e sempre, en galego estamos no mundo… E a nosa lingua florecerá tamén en Norteamérica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 16 comentarios

6 state of mind, state of ti

Voto por state of mind, state of hearth coma a ghili....do ano. "O que menos me gosta é o espíritu "loser" dos galegos" (???) se cadra se non fosemos colonizados, física, económica e mentalmente, e fosemos imperialistas xenocidas de latrocinio teriamos o carácter gringo de gañador o resto é ser perdedor, sexo, drogas e R&Roll. Aos gringos as culturas pouco lles importa, dinamitan todas as linguas nativas agás en Hawái e Alaska confinadas as reservas. O que lles importa é como colonizarnos mais diante da vindeira entratada no Tratado do Libre Comercio, que aparte de darlle estocada final ao noso agro, gandeiria e pesca, inzará os nosos mercados de productos-lixo, tranxénicos e carne hormonizada.

5 Nando

Parabéns pola iniciativa.

4 Galiza já está no mapa

E amais de chupar do bote, que vem fazendo o chiringuito esse?

3 Xana

Xente así é a que fai falla neste país. Avante

2 Spidercan

Grazas. Muito obrigado.