Aprobados os acordos para o plan de financiamento universitario, que conta con 469 millóns en 2022

Feijóo destacou que reforzan o investimento en investigación cun 41% máis de fondos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2022 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta autorizou a firma dos acordos coas universidades para a posta en marcha do plan galego de financiamento universitario 2022-2026, que este ano contará cun orzamento de máis de 469 millóns de euros.

Así o anunciou o máximo mandatario autonómico, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, na que destacou que se trata do plan máis ambicioso da historia, que mobilizará case 3.200 millóns de euros no próximos cinco anos, o que supón case un 30% máis. Ademais, sinalou que o orzamento para 2022 supón un 5,4% máis que o do último ano do plan anterior.

Na súa intervención, Feijóo lembrou que o plan de financiamento se estrutura en dous fondos. O financiamento non condicionado, que conta con 390 millóns, destinada a blindar os gastos que permiten o normal funcionamento das universidades, como os asociados á docencia, que reciben 260 millóns do orzamento consignado para este ano, e ao mantemento e as infraestruturas, que contará con 28,3 millóns.

Ademais, 61 millóns repartiranse segundo un panel de 41 indicadores de resultados. Neste ámbito, este ano engádese un novo subfondo para o plan de viabilidade financeira, eficiencia e mellora estratéxica cun orzamento de case 14,3 millóns de euros.

No que respecta ao financiamento de investigación, este ano está dotado de 62,5 millóns para financiar programas de I+D+i, e doutros 12 millóns para outros labores en relación con este ámbito. Nesta liña, Feijóo puxo en valor que neste plan refórzase o investimento en investigación cun 41% máis de fondos, ata alcanzar os 400 millóns.

Por último, destacou que Galicia é a "terceira comunidade con maior investimento en porcentaxe de PIB para as universidades co 0,71% mentres que a media de España está no 0,58".

INVESTIGACIÓN DO GALEGO NO CENTRO RAMÓN PIÑEIRO

Por outra banda, o Consello autorizou este xoves a renovación dos convenios plurianuais --2022/25-- entre a consellería de Educación e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a investigación do galego.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destinará case 700.000 euros ao impulso das actividades de investigación sobre a lingua e a literatura galegas que realiza o Centro Ramón Piñeiro con este tres universidades.

O obxectivo é desenvolver proxectos de investigación, fundamentais e substanciais para outros investigadores, que sexan estratéxicos para garantir a utilidade da lingua galega en todos os ámbitos da vida actual.

Reunión do Consello da Xunta. DAVID CABEZÓN @ XUNTA
Reunión do Consello da Xunta. DAVID CABEZÓN @ XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta