O plátano

Que a policía detivese ao idiota que lle guindou un plátano a Dani Alves para chamarlle "macaco" é importante e está ben. O mesmo que o xesto intelixente do futbolista ao decidir papalo e tirar o córner tan ancho. Igual que as mostras de solidariedade que, plátano e "selfie" na man, os grandes deportistas do mundo se apresuraron a facer e compartir e expresar. Sen dúbida, unha imaxe para a historia do fútbol. E por iso, que ademais se complete a xogada coa detención do demente que tirou o plátano, amosando así o seu pensamento racista, semella perfecto. Porque o fútbol e todo o que o rodea goza dun especial predicamento imitativo, en especial sobre a mocidade, e daquela todo o que se poida facer para afastalo de valores nocivos e para achegalo a positivos, debe ser benvido.

Por Francisco Castro | Vigo | 11/05/2014

Comparte esta noticia
Nos días seguintes aos feitos (a todos eles: imaxes da reacción do futbolista, mostras de solidariedade nas redes sociais e nos medios de comunicación, detención do que lanzou o plátano...) dixéronse un monte de cousas, case que todas elas, centradas sobre todo no "castigo exemplar" que o individuo en cuestión merecía, así como reflexións, polo xeral superficiais cando non demagóxicas, arredor da necesidade de acabar coas mostras de racismo no deporte. 
Eu, en fin, tería preferido que se falase da necesidade de acabar co racismo, en xeral, mais que coas súas mostras (que tamén). Obviamente, non se deben consentir demostracións de racismo ou xenofobia en ningunha parte. Nin nos campos de fútbol (onde, xa que estamos, a simboloxía fascista, incluso nazi, voa ceiba por algunhas bancadas dalgúns estadios....outra cousa é a Estreleira galega, esa ten sido descaradamente perseguida) nin en ningunha parte da nosa sociedade.
 
Dito isto, cómpre dicir que, coma sempre, pasamos pola actualidade sen permitir que a análise chegue a lugares profundos. E así, por exemplo, asistimos ao laio colectivo (non é para menos) polo pasamento de Tito Vilanova pero ninguén saca o tema de como están tratados, en xeral (agás os que poidan tentar a curación por exemplo nos Estados Unidos) os enfermos de cancro ou de calquera outra enfermidade, cada vez peor, máis desamparados, dependendo dunha sanidade pública á que se lle negan os máis básicos medios. E isto que veño de dicir vale tamén para o asunto racista. Falamos dese platanazo, dese caso concreto. Do que sufre (e é terrible) un xogador de primeira división. E dicimos que cómpre facer desaparecer o racismo do deporte ao tempo que disparamos aos inmigrantes mentres tentan non afogar ou se practica un racismo de día a día cos xitanos, cos homosexuais, cos inmigrantes e, ás veces, cos galegofalantes, entre outros moitos colectivos.
 
Ademais do plátano, aos que son pobres e dierentes, na nosa sociedade se lles marxina a diario, se lles poñen atrancos para facer a vida e se lles sinala, precisamente, como diferentes.
Dese plátano, apodrecido, non se fala nunca. Ou moi pouco. Dese plátano non nos facemos un selfie. Co ben que estaría, por exemplo, que todos os estranxeiros que xogan na liga española (por só citar dous, por exemplo, Leo e Cristiano) se animasen a participar nunha campaña que lembrase que eles tamén son inmigrantes e que eles tamén traballan aquí no noso país, como estranxeiros, e que se solidarizan con todos os non españois que tentan chegar aquí para, coma eles, gañar ben a vida.
 
Iso si que sería un señor platanazo. Pero para ben.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro