A convocatoria de axudas para o lecer nocturno será a partir da primeira quincena de febreiro

Serán tres millóns de euros. As axudas buscan compensar ao sector hostaleiro prexudicado polos peches de Nadal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2022 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

A Xunta prevé convocar "na primeira quincena" de febreiro unha liña de axudas, dotada con 3 millóns de euros en total, para os locais de lecer nocturno que se viron obrigados a pechar desde a época do Nadal debido ás restricións de horarios impostas ata mediados de xaneiro.

Así o avanzou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega, recollida por Europa Press, na que explicou que estas subvencións buscarán "compensar as perdas" sufridas durante este período. "Nesta primeira quincena de febreiro estará publicado porque este era o compromiso con eles (cos empresarios do sector)", asegurou a conselleira.

Do mesmo xeito, Lorenzana avanzou outra próxima liña de axudas destinada aos autónomos e pemes galegos para "indemnizar a aqueles sectores que apenas puideron abrir" desde que irrompeu a pandemia, cunha baixada da facturación situada en "un 80 ou 90 por cento". Como exemplo situou os feirantes, empresarios que "non puideron desenvolver practicamente ningunha actividade".

Con todo, a conselleira de Emprego non deu máis detalles sobre estas subvencións porque o Goberno galego está "á espera das valoracións que fagan" as asociacións representativas do sector sobre cantos negocios poderían necesitalas.

Neste contexto, María Jesús Lorenzana cifrou en 66 millóns de euros os fondos do plan de rescate para pemes e autónomos que tiveron que ser devoltos ao Ministerio de Asuntos Económicos como consecuencia dos "criterios súper rigorosos" que puxo o departamento que dirixe Nadia Calviño. "Entre outros requisitos, só se poida utilizar o diñeiro para pagar ao autónomo ou á empresa débedas que tiña pendentes", criticou a titular de Emprego da Xunta.

E é que, a pesar de que Galicia executou "o 70 por cento" do montante recibido, houbo que devolver 66 millóns cando aínda hai solicitudes pendentes por valor de 2.000 millóns de euros pero que "non cumpren os requisitos do Ministerio".

Así, a conselleira lembrou que remitiu a semana pasada dúas cartas tanto a Calviño como á ministra de Facenda, María Jesús Montero, para que a Xunta poida dispor destas contías, pero aínda non hai "unha reclamación formal". "Se tivésemos eses 66 millóns a maiores, barallariamos sacar un plan máis amplo para os sectores máis desfavorecidos", afirmou Lorenzana.

REFORMA LABORAL POR UN VOTO "ERRÓNEO"

Noutra orde de cousas, a conselleira de Emprego tamén cuestionou que o Goberno central vaia aplicar a reforma laboral aprobada esta semana no Congreso por un voto "erróneo" dun deputado do PP (Alberto Casero), "como el manifesta".

María Jesús Lorenzana tachou de "gravísimo" o ocorrido porque é "evidente" que o sentido do seu voto non coincide "co consentimento". "Creo, de verdade, que a presidenta do Congreso (Meritxell Batet) ten moitísimo que explicar desde moitísimas perspectivas por que este deputado tentou aclarar firmemente a súa postura e non se lle deixou", aseverou.

Ante este panorama, a conselleira criticou "a alegría" dos membros do Goberno manifestada tras a votación cando foi "un fracaso político de máximo nivel": "Paréceme como cando suspendes un exame e o profesor, por un erro, ponche un aprobado".

Así a todo, Lorenzana recoñeceu que a reforma laboral impulsada pola vicepresidenta segunda do Executivo estatal, Yolanda Díaz, ten "cousas boas" como a regulación dos ERTE e que "seguramente vai mellorar a indefinición en determinados sectores". A continuación, sinalou que "non é unha reforma ambiciosa" e que vai eliminar " a flexibilidade". "Preocúpame que non sirva para crear emprego nin para facer ás empresas competitivas", dixo.

Así mesmo, Lorenzana puxo o foco en que a nova lexislación laboral "non é, de ningún modo, o que se prometeu" en campaña electoral por parte de Unidas Podemos, xa que mantén "os elementos estruturais" da reforma do Goberno de Mariano Rajoy en 2012. "Os despedimentos non se encarecen e a autorización administrativa dos ERE non se recuperan", sinalou.

SUBIDA DO SMI

Sobre a subida do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) que abordarán este luns Goberno, UGT, CC.OO. e patronal, a conselleira está de acordo "mentres se faga no seo do diálogo social e con aprobación de empresarios e sindicatos".

"En España temos que seguir loitando por que o SMI se adecúe ao custo de vida", agregou, aínda que matizou que esta revisión debe "ter en conta a situación tan crítica" polo que pasan as empresas, ao que engadiu as posibles "repercusións económicas" da nova reforma laboral.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausura unha xornada telemática / Conchi Paz - Xunta de Galicia. / Europa Press
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausura unha xornada telemática / Conchi Paz - Xunta de Galicia. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta