Galicia ten case 10.000 contaxiados menos que hai unha semana, aínda que soben as hospitalizacións

Mantén á baixa os seus contaxios diarios pero volven crecer os ingresos, con 46 hospitalizados máis.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2022 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

Galicia mantén á baixa a súa cifra de novos contaxios diarios de Covid, que xa están por baixo dos 3.000 e, aínda que o total de enfermos volveu a reducirse, a presión hospitalaria creceu novamente, con 46 ingresados máis, 2 en Unidades de Coidados Intensivos e 44 en camas convencionais.

Segundo os datos publicados este luns pola Consellería de Sanidade, con información recollida ata as 18,00 horas do domingo, hai 53.706 enfermos de Covid en Galicia e, nas últimas horas, rexistráronse 2.738 novos contaxios. Todas as áreas sanitarias notificaron menos contaxios novos que a xornada anterior, agás a de Lugo.

Así, na área sanitaria da Coruña-Cee, notificáronse 611 casos novos na última xornada; na área de Vigo hai 550 novos contaxios, na área de Santiago-A Barbanza detectáronse 502 positivos novos; na área de Pontevedra-O Salnés hai 344 casos novos; na área de Lugo, A Mariña e Monforte hai 325 novos contaxios; na área de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras hai 260 novos contaxios; e na área de Ferrol, confirmáronse 146 casos novos.

En canto ao número total de persoas enfermas de Covid en Galicia, descontados os falecidos e as altas, nas últimas horas a cifra volveu a descender e o Sergas comunica este luns un total de 53.706 casos activos, 3.861 menos que o día anterior ( e 9.161 menos que hai unha semana).

Por áreas, na de Vigo hai 13.724 casos activos (1.211 menos), na da Coruña hai 11.596 enfermos (764 menos), na área de Santiago hai 9.390 infeccións (573 menos), na área sanitaria de Pontevedra hai 5.731 casos activos (326 menos), na área de Lugo son 5.573 persoas enfermas (343 menos), na área de Ourense hai 5.185 casos (486 menos), e na área de Ferrol hai 2.507 infeccións activas (158 menos).

VOLVE A SUBIR A PRESIÓN HOSPITALARIA

O descenso no ritmo de contaxios e no total de infeccións activas non se reflicte, con todo, na ocupación hospitalaria e, na última xornada, a presión volveu a incrementarse con 46 novos ingresos, dous deles en UCI e 44 en camas convencionais.

Segundo informou este luns o Sergas, hai un total de 48 persoas con Covid en coidados críticos e 689 pacientes en planta. Por áreas, o maior número de enfermos graves están na da Coruña, con 14 ingresados (sen cambios na ocupación), seguida pola área de Lugo, con 9 pacientes en UCI (dous máis).

Na área sanitaria de Santiago hai 7 enfermos de Covid en UCI (dous máis) e os mesmos na área de Pontevedra (un menos que hai 24 horas). Na área de Vigo hai 6 pacientes en coidados críticos (os mesmos), na área de Ourense seguen 4 pacientes en UCI, e na área de Ferrol hai un paciente (un menos).

Con respecto aos enfermos en unidades convecionais de hospitalización, aumentaron en todas as áreas. A Coruña ten 193 pacientes en planta (+4), Ourense ten 114 (+6), Santiago ten 99 (+6), Vigo ten 91 (+8), Pontevedra ten 80 (+6), Lugo ten 72 (+12) e Ferrol ten 40 (+2).

UCI do Hospital Clínico de Santiago / Ana Varela - Xunta.  / Europa Press
UCI do Hospital Clínico de Santiago / Ana Varela - Xunta. / Europa Press

A taxa de positividade das probas PCR (o número de casos positivos por cada 100 probas realizadas) sitúase no 17,5 %, aínda moi por encima do 5 % que fixa a OMS para dar por controlada a pandemia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta