Feijóo ataca a Pontón: "Ningún mozo conseguiu ser deputado con 26 anos e manterse outros 18"

A oposición afea a súa política de vivenda a Feijóo, que critica ao "recentralizador" Sánchez e a gobernos locais

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2022 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

A xestión en vivenda e as dificultades dos mozos para acceder a este recurso básico protagonizaron a sesión de control, na que a oposición cargou contra as políticas da Xunta, que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, defendeu, antes de pasar ao ataque e pór no foco ao Goberno central e aos gobernos locais das cidades, sobre todo ás gobernadas polo PSOE.

O portavoz parlamentario socialista, Luís Álvarez, cargou contra a falta de execución dos recursos consignados en materia de vivenda polo Executivo autonómico e puxo en dúbida a utilidade dos seus plans de vivenda. En concreto, Álvarez alertou de que a Xunta deixou sen executar case 400 millóns do seu propio orzamento en materia de vivenda entre 2010 e 2020.

A nacionalista Ana Pontón profundou en que as dificultades para acceder a un fogar frustran a emancipación xuvenil e comparou a política de vivenda da Xunta "cun unicornio". "A súa política de vivenda non existe, é como un unicornio creado na TVG. Van seguir vendendo unicornios aos mozos?", preguntou Pontón, a quen Feijóo acusou de "mentir" de forma "continuada" nos "18 anos que leva como deputada".

Feijóo, no pleno do Parlamento.. ANA VARELA/XUNTA / Europa Press
Feijóo, no pleno do Parlamento.. ANA VARELA/XUNTA / Europa Press

CRÍTICAS A PONTÓN

"Cando alguén leva tanto tempo na política sen resolver un só problema e sen xestionar un euro público, vén aquí de comentarista. (...) Iso si, case ningún mozo logrou conseguir unha acta con 26 anos e mantela durante outros 18. Iso chámase emancipación nacionalista, a emancipación real pasa por baixar impostos aos mozos que compran vivenda e impulsar políticas de vivenda razoables e decentes, non por afiliarse ao BNG", responstoulle Feijóo aludindo a un post en redes sociais publicado polo PPdeG este luns.

Ademais de negar as acusacións de falta de execución orzamentaria --defendeu que "o cento por cento" dos máis de cen millóns reservados para vivenda en 2021 están "comprometidos"--, o presidente galego apuntou, precisamente, aos "elevados impostos" como un dos problemas sobre os que habería que actuar, e aludiu á tardanza dos gobernos urbanos en dar unha licenza de ocupación (cos exemplos concretos de Vigo e Lugo).

Pero a súa maior contundencia reservouna para as súas críticas ao Goberno de Pedro Sánchez e a súa lei de vivenda, que a Xunta xa dixo que prevé recorrer ante o Constitucional. Feijóo insistiu en que "invade competencias" e en que, se sae adiante, os gobernos autonómicos non poderán "nin decidir que se fai co parque público de vivendas".

E deu un paso máis ao atribuír a norma a "unha estratexia recentralizadora" do Goberno de Sánchez, ao que acusou de exercer como o Executivo de España "máis centralista" a pesar das súas reivindicacións "federalistas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta