Yolanda Díaz pecha un acordo cos sindicatos para subir o SMI a 1.000€

CC.OO. e UGT apoian a medida, á que non se suma a CEOE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2022 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

O Goberno chegou a un acordo con CC.OO. e UGT para subir o salario mínimo interprofesional (SMI) a 1.000 euros mensuais con efectos desde o 1 de xaneiro deste ano, o que supón 35 euros máis que o SMI vixente actualmente (965 euros ao mes por catorce pagas). A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, rubricou o acordo en nome do Goberno, mentres que os secretarios xerais de CCOO e UGT, Unai Sordo e Pepe Álvarez, respectivamente, asinaron pola parte sindical.

As organizacións empresariais CEOE e Cepyme non se sumaron a este acordo, tal e como se esperaba tras rexeitar onte os seus órganos de goberno, por unanimidade, a proposta do Goberno, coincidente coa dos sindicatos, de elevar o SMI a 1.000 euros ao mes para 2022.

Nunha comparecencia de prensa tras a firma do acordo, a vicepresidenta agradeceu a todos os axentes sociais o traballo realizado nesta mesa e sinalou que, aínda que o acordo só se subscribiu cos sindicatos, o importante é que houbo diálogo social. "O Goberno e os axentes sociais que hoxe asinan este acordo cumpren co seu país. Subir o SMI foi moi positivo para o noso país e moi positivo para a nosa economía", destacou a vicepresidenta, que engadiu que a "mellor ferramenta para combater a pobreza laboral" é o SMI.

O acordo entre o Goberno e os sindicatos prodúcese despois da reunión que celebraron a partir das 11.30 horas os equipos negociadores do Ministerio de Traballo e dos axentes sociais --incluíndo os das patronais-- para abordar a subida do SMI para este ano.

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz. Ricardo Rubio - Europa Press
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz. Ricardo Rubio - Europa Press | Fonte: Europa Press

Os SINDICATOS, SATISFEITOS

Pola súa banda, o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, expresou a súa "satisfacción" pola firma deste acordo, que impactará directamente sobre 1,8 millóns de traballadores, e subliñou que aumentar o SMI ata os 1.000 euros mensuais por catorce pagas é "coherente" co obxectivo de levalo ata o 60% do salario medio a final de lexislatura e coa política que defenderon os sindicatos respecto ao conxunto dos salarios en España.

Nesta liña, o seu homólogo de UGT, Pepe Álvarez, sinalou que, como a CEOE non cumpriu co que asinou no pacto de negociación colectiva, moitos convenios verán incrementados os salarios debido á alza do SMI. "Se cumprisen, a afectación sería pequena", dixo. "Gustaríame que a patronal fora plenamente consciente de que o salario mínimo ten que seguir crecendo nos próximos anos. Este acordo vai en dirección ás formulacións que ten a Unión Europea, que de maneira permanente instan a que subamos os salarios en España", apuntou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta