A adxudicación 'a dedo' da estación de esquí de Manzaneda persegue á Xunta de Galicia

O PSdeG pide que rectifique e lance un concurso de libre concorrencia despois de que o complexo rematara en mans dunha empresa constituída 'ad hoc' e que recibiu a adxudicación en sospeitosas circunstancias.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2022 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

Novas dúbidas sobre a adxudicación "a dedo" da estación de esquí de Manzaneda e o cumprimento das bases do proceso. En 2021, Xunta e Deputación de Ourense, propietarias da Estación a través dunha terceira empresa, adxudicaron a xestión da estación de Trives a unha entidade de dubidosas relacións. O PSdeG denunciou entón que a corporación gañadora tiña vencellos con paraísos fiscais e casos de corrupción, unha circunstancia á que non axudou que a estación fora adxudicada sen publicidade porque o concurso anterior, ao que se sumaran dúas empresas, quedara deserto; todo por supostos incumprimentos das compañías.

Estación de Manzaneda
Estación de Manzaneda | Fonte: Wikipedia

O problema vén agora pola inactividade da planta. O deputado no Parlamento Juan Carlos Francisco Rivera critica que Xunta e Deputación non esixan a activación dos canóns de neve artificial, nos que se investiu 5,5 millóns de euros. Asemade, demanda á administración autonómica que volva sacar a licitación pública o contrato de xestión da estación de esquí de Manzaneda, neste caso xa nun proceso de libre concorrencia.

Así o fixo hoxe no Pleno do Parlamento, a través dunha pregunta oral ao vicepresidente da Xunta. O socialista trasladou tamén a “preocupación” que existe na comarca de Manzaneda e Trives en relación ao funcionamento e xestión da estación de esquí, adxudicada en 2020 “a unha sociedade que se constituíra 10 meses antes e a dedo”, cando dende o ano 2020 e ata o día de hoxe só abriu dous días para esquiar.

“Alcaldes, traballadores e traballadoras, e provedores están fondamente preocupados por esta situación”, alertou o socialista quen reivindicou a potencialidade da estación de inverno para a provincia. “Perdéronse días de actividade na estación e, polo tanto, actividade económica”, subliñou Francisco Rivera. Todo isto acontece malia que no ano 2017, censurou o socialista, se investiron 5,5 millóns de euros na instalación, entre outras cuestións, de 29 canóns de innivación de neve artificial, co obxectivo de que houbese neve durante, polo menos, 180 días ao ano para explotar o turismo de inverno na estación .

“Cando van sacar a licitación pública e de libre concorrencia para que xestione a estación de esquí unha empresa solvente?”, preguntou o socialista quen lamentou que o PP “se escude en que non é posible” activar os canóns cando “as condicións de humidade si o permiten”.  Esta cuestión está afectando aos programas da Deputación, incidiu Francisco Rivera, xa que ofrecen clases de esquí para nenas e nenos e, neste momento, “non é posible” ofrecelas.  Por último, o socialista censurou a falla de transparencia con respecto ao procedemento despois de que o PSdeG solicitase en diversas ocasións e por diversas vías a documentación sobre a contratación, pero a día de hoxe, “ni na Xunta nin na Deputación” puxeron esta documentación a disposición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta