As residencias galegas suman 645 positivos, o 40% na área da Coruña

Colectivos denuncian que residencias DomusVi restrinxen as probas diagnósticas a usuarios con síntomas para "ocultar" brotes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2022 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

As residencias de maiores de Galicia suman esta semana un total de 645 casos activos de covid-19, sete máis en comparación con fai sete días. O 40% dos positivos danse en centros situados na área sanitaria da Coruña e Cee.

Trátase da segunda semana desde o cambio de criterio da Administración autonómica á hora de facilitar os datos de casos activos en residencia. Desde entón, só se informa de positivos por áreas sanitarias, non desagregados por centro, patrón que a Consellería de Política Social seguira desde o inicio da pandemia.

Así as cousas, a Xunta informou este mércores dun total de 645 casos activos en centros residenciais, 268 deles no distrito sanitario da Coruña e Cee, que suma 87 positivos máis que hai sete días. Os casos na área coruñesa dobran o número de positivos notificados nos seguintes distritos con máis positivos esta semana, o de Lugo, A Mariña e Monforte (116, sete máis que fai sete días) e Ourense, Verín e O Barco (114, 52 menos).

Tras estas, a área de Vigo ten 60 casos (21 menos que sete días atrás), a de Santiago e Barbanza, 52 (+14); a de Pontevedra e O Salnés suma 29, catro menos que no último balance ofrecido polas autoridades sanitarias. Por último, a área de Ferrol conta unicamente seis positivos polos 38 de fai sete días.

DENUNCIAN BROTES "OCULTOS"

Precisamente na área sanitaria de Pontevedra atópase a residencia DomusVi Ribadumia, onde, segundo denunciaron colectivos como Vellez Digna ou a Asociación de Traballadores de Residencias de Galicia (Trega), se produciron "gromos" que foron ocultados. Aseguran que neste centro e noutros da mesma compañía as probas diagnósticas "só se realizan a persoas sintomáticas", tanto en usuarios como en traballadores do centro, que, din, comparten espazos das instalacións con persoas positivas en covid-19.

Por tanto, sosteñen que a residencia DomusVi de Ribadumia viviu un brote de covid-19 que fixo que "practicamente todos os usuarios" pasasen a enfermidade no último mes. Fontes da Consellería de Política Social consultadas por Europa Press aseguraron este mércores que o centro en cuestión ten nestes momentos un único caso positivo por covid. Hai sete días, segundo estas mesmas fontes, o número de infectados ascendía a 11.

Dous anciáns pasean fronte á residencia das Gándaras, a maior de Lugo, despois de contabilizar un total de 49 positivos, a 17 de agosto de 2021 / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press
Dous anciáns pasean fronte á residencia das Gándaras, a maior de Lugo, despois de contabilizar un total de 49 positivos, a 17 de agosto de 2021 / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta