Máis de 320 aspirantes participan nas probas físicas do proceso selectivo para acceder ao corpo de Policía Local

Previamente superaron a proba de coñecementos que se celebrou o pasado 20 de xaneiro.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 09/02/2022 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

O director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, visitou este mércores no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra aos 324 aspirantes convocados ás probas de aptitude física no marco do proceso selectivo para o acceso a 70 prazas do corpo de Policía Local de 29 concellos galegos.

Segundo informou a Xunta, trátase do terceiro exercicio da oposición para os aspirantes que superaron a proba de coñecementos que se celebrou o pasado 20 de xaneiro no primeiro proceso selectivo celebrado este ano, e que ademais resultaron aptos na proba de coñecementos de lingua galega ou estaban exentos da súa realización.

A realización das probas físicas --velocidade, potencia de tren superior e inferior, resistencia xeral e natación-- contará cun protocolo específico de prevención da covid-19 para garantir a máxima seguridade dos aspirantes e de todo o persoal. Así, requirirase para o acceso ao recinto presentar o certificado covid de vacinación ou unha PCR ou proba de antígenos con resultado negativo nas 48 horas antes das probas.

INICIO DAS CLASES

Unha vez terminadas todas as probas da oposición comezarán en abril as clases da 14ª promoción de policía local na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), no marco do curso de formación teórico-práctico obrigatorio que deberán superar os aspirantes aptos en todo o proceso selectivo antes de poder elixir destino e ser nomeados funcionarios en prácticas polos concellos. A parte práctica levará a cabo nos meses de verán nos seus municipios.

A Xunta asinou en 2017 o protocolo de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) polo que se regula a cooperación da Xunta cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de Policía Local, o que "permite mellorar a súa profesionalización". Ata agora, 89 concellos dos 129 que contan con corpo de Policía Local xa delegaron na Xunta a selección dos seus policías.Neste caso, cubriranse 70 prazas convocadas por 29 municipios.

Probas para Policía Local.. XUNTA
Probas para Policía Local.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta