O Goberno actuará contra a exclusión financeira no rural galego mediante Correos

En Cenlle instalouse un dos tres primeiros caixeiros multitarxeta que Correos xa colocou en Galicia, xunto co de Cortegada e Samos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2022 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presentou e supervisou as novas medidas do Goberno implementadas a través de Correos para "responder" á exclusión social no rural galego.

Nunha visita ao municipio ourensán de Cenlle, destacou algunhas das iniciativas como a instalación de caixeiros automáticos nas oficinas da empresa pública postal e os novos servizos que prestan os carteiros rurais, "un servizo público que é importante difundir e que a cidadanía saiba que está á súa disposición, especialmente as persoas maiores".

Na súa visita á oficina postal de Barbantes, estivo acompañado polo alcalde de Cenlle, José Manuel Rodríguez; o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; e o xerente de Produtos e Servizos para a área Noroeste de Correos, Xosé Chorén. Foi alí onde se instalou un dos tres primeiros caixeiros multitarxeta que Correos xa colocou en Galicia, xunto co de Cortegada e Samos.

Esta iniciativa do Goberno estenderase a 80 localidades máis de Galicia nos próximos meses, segundo explica a Delegación nun comunicado. O obxectivo, destacan, é ofrecer á cidadanía a posibilidade de dispor de efectivo en poboacións onde non hai oficinas bancarias, como é o caso de Cenlle, pero si puntos de atención de Correos.

Nesta mesma liña, explicou que se traballa coa oferta de novos servizos no domicilio por parte dos carteiros rurais, que facilitan aos veciños e veciñas do rural "realizar na súa propia casa moitos dos servizos que se prestan nas oficinas ou na tenda en liña de Correos, grazas aos novos dispositivos electrónicos portátiles (PDAs) coas que contan os carteiros".

Mediante este proxecto, estreado en Lugo, "a cidadanía atendida por estes profesionais poderá, desde a porta da súa casa, ingresar e retirar diñeiro en efectivo; enviar e recibir paquetería; pagar recibos e tributos; adquirir embalaxes, sobres e selos; xestionar servizos de luz, gas e telefonía; comprar os distintivos ambientais da DXT e moitos servizos máis", indicou Miñones.

A pesar de ser un servizo recentemente estreado, os carteiros rurais xa realizaron 144 servizos a domicilio na provincia de Ourense en decembro e 163 no mes de xaneiro.

DINAMIZACIÓN NA RIBEIRA SACRA

Por outra banda, José Miñones mostrou en Sober o compromiso do Executivo estatal con "a dinamización da Ribeira Sacra con investimentos en turismo sustentable, vivenda, eficiencia enerxética e dixitalización".

O delegado do Goberno viaxou ata a localidade de Sober xunto á subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez, onde tamén se reuniu co alcalde, Luís Fernández. Alí visitaron as instalacións da Biblioteca Pública Municipal, que conseguiu un dos premios nacionais María Moliner, concedidos polo Ministerio de Cultura, polo seu traballo na dinamización da lectura.

Miñones tamén coñeceu o estado dos programas que financian distintos Ministerios en Sober e mostrou o seu "convencemento" de que o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e o Plan de 130 medidas contra o Retro Demográfico "marcarán un punto de inflexión para que vivir nestes concellos sexa un privilexio e non unha condena". En Sober os investimentos estatais superaron os 600.000 euros, apuntou o delegado.

TURISMO SUSTENTABLE E VIVENDA

Miñones tamén repasou co alcalde de Sober, que é tamén o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, os avances no Plan de Sostenibilidade Turística da Ribeira Sacra, que conta co financiamento de 850.000 euros por parte do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. O Plan cumpriu o seu primeiro ano de vixencia, con medidas de mobilidade sustentable, distintivos de calidade turística e melloras de sinalización, entre outras.

Outro dos temas tratados foi a participación de Sober no último acordo do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 polo que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana destinará 100.000 euros para apoiar "a rehabilitación de 16 vivendas na ARI deste concello".

O delegado destacou que Sober é un do nove municipios da provincia de Lugo que se benefician desta repartición de fondos e que, coa achega da Xunta, do concello e dos particulares receptores das axudas, mobilizará investimentos superiores aos 280.000 euros.

DIXITALIZACIÓN E EFICIENCIA ENERXÉTICA

Miñones tamén anunciou que este municipio se beneficia da primeira convocatoria do Programa ÚNICO-Banda Ancha do Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital para a extensión da banda ancha, "unha importante aposta do Executivo para que a conexión a internet de alta velocidade chegue de verdade a todo o territorio galego en igualdade".

A convocatoria foi adxudicada a Telefónica, que levará a banda ancha de última xeración a 914 vivendas e empresas desta localidade que ata agora carecían deste servizo. O delegado engadiu ademais que na provincia de Lugo o Plan Único mobilizará 16,3 millóns en proxectos con 10,2 millóns achegados polo Estado.

Esta localidade, segundo indicaron, tamén se beneficiou das axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica para proxectos de transición enerxética en entidades locais, que permitiron acometer a renovación da iluminación municipal coa concesión de máis de 500.000 euros para desenvolver en tres fases os proxectos de instalación de luces tipo LED e renovación de instalacións e cadros eléctricos en todo o municipio.

Por último, o delegado tamén remarcou o recente convenio asinado entre o municipio e o Ministerio de Educación para a posta en marcha dunha Aula Mentor. "Trátase dun programa de formación a distancia que ofrece a aqueles mozos e adultos que abandonaron o sistema educativo sen ningunha titulación avanzar na formación e obter competencias profesionais", explicou.

O delegado do Goberno, José Miñones, visita en cenlle un dos caixeiros colaborados por Correos. DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno, José Miñones, visita en cenlle un dos caixeiros colaborados por Correos. DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta