Propoñen a instalación en augas de Galicia de parques mixtos de enerxía eólica e solar

Unha nova achega de investigadores galegos e portugueses destaca as vantaxes que tería a combinación de ambos os dous recursos en augas atlánticas da península ibérica. A Unión Europea xa está apostando pola instalación de parques híbridos offshore. Outro estudo propón a instalación de plantas fotovoltaicas flotantes en augas interiores.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 13/02/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A idea de instalar parques eólicos en augas de Galicia segue cobrando forza. Desde o campo científico e académico, son xa varias as propostas e diversos os estudos técnicos, medioambientais e económicos publicados nos últimos anos sobre o potencial de Galicia para explotar enerxía eólica no mar (offshore) e as vantaxes que estes parques ofrecerían. Agora, un estudo de expertos das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Aveiro (Portugal) achega unha novidade, ao propor a instalación de parques híbridos nas augas occidentais da península ibérica –incluídas as galegas– que combinen enerxía eólica e solar fotovoltaica.

Proxecto híbrido de tecnoloxía flotante eólica e solar fotovoltaica
Proxecto híbrido de tecnoloxía flotante eólica e solar fotovoltaica | Fonte: Acciona.

O estudo que agora publican investiga as posibles vantaxes deste sistema mixto para estabilizar o abastecemento de enerxía baixo escenarios de cambio climático. Para isto, aplicaron o método prospectivo Delphi a oito índices que se relacionan con catro categorías: estabilidade do recurso, riqueza do recurso offshore, factores económicos e factores de risco. Estes índices calculáronse mediante un conxunto multimodelo composto por 35 simulacións do proxecto Euro-Cordex (Coordinated Regional Climate Downscaling Experiment), unha iniciativa coordinada polo Grupo de Traballo sobre Clima Rexional (GTCR), do Programa Mundial de Investigación do Clima, para organizar un marco coordinado internacionalmente para producir proxeccións melloradas sobre o cambio climático para todas as rexións terrestres do mundo, e que ten en Europa a súa plasmación no Euro-Cordex.

“Segundo o noso coñecemento, a análise aquí presentada implica o maior número de simulacións nunha análise de recursos enerxéticos offshore realizada mediante datos Euro-Cordex”, destacan os autores do novo estudo.

A análise dos posibles efectos positivos da combinación de enerxía eólica mariña e solar fotovoltaica aplicouse ao período 2000-2040, xa que “este enfoque considera o impacto do cambio climático sobre ambos os dous recursos renovables” –eólica e fotovoltaica– e porque “se agarda que os parques eólicos mariños e, especialmente, a fotovoltaica offshore, alcanzarán o grao de madurez necesario nas próximas décadas”, detallan os autores. E centrouse nos recursos eólico e solar dispoñibles, non na potencia de saída esperada, considerando unicamente para o índice de clasificación factores económicos que permanecerán inalterables nas próximas décadas, como a profundidade da auga ou a distancia á costa, descartando “incertezas económicas e xurídicas”.

“A combinación de enerxía solar fotovoltaica e de enerxía eólica nun parque offshore híbrido mellora significativamente o recurso total de enerxía renovable"

Da análise feita, os investigadores determinaron que “o recurso eólico mariño é maior que o solar fotovoltaico no oeste da península ibérica” e que “ambas as fontes renovables mostraron unha gran variabilidade espacial e temporal ao longo do ano”.

Na súa opinión, baseándose nos resultados do estudo, “a combinación de recursos de enerxía solar fotovoltaica e de enerxía eólica nun parque offshore híbrido eólico-fotovoltaico mellora significativamente o recurso total de enerxía renovable e reduce a variabilidade espacial e temporal que presentan individualmente ambos os recursos enerxéticos, o que é de crucial importancia para unha maior eficiencia e optimización do uso de enerxía derivada de fontes renovables”, salientan.

VANTAXES DE COMBINAR EÓLICA E SOLAR NO MAR

Os datos do estudo mostran que durante o verán, toda a área dispón dun recurso solar eólico-fotovoltaico offshore superior a 800 kw m-2. E durante o inverno, a zona norte ten maior recurso que a sur, con valores entre 900 e 1.000 kw m-2.

Os resultados tamén demostran que “o recurso de enerxía eólica offshore está clasificado como excelente” na maior parte da área, agás nas zonas máis próximas á costa, onde se considera “bo ou regular”. Pero “cando se mellora a estabilidade do recurso combinando enerxía solar e eólica fotovoltaica, a clasificación do índice total aumenta, especialmente na franxa costeira máis próxima a terra, onde a cualificación máis baixa é «boa»”, explican os autores da investigación.

E destacan que algunhas zonas atlánticas do norte e do sur da península ibérica “melloraron a súa clasificación final nun nivel despois de considerar un sistema híbrido de produción offshore eólico e fotovoltaico”.

Para os investigadores, os resultados do seu estudo evidencian “importantes vantaxes na combinación destas dúas fontes renovables”, xa que a enerxía solar fotovoltaica, din, “amosa unha interesante capacidade para resolver un dos principais inconvenientes da enerxía eólica: a súa falta de estabilidade para abastecer a rede enerxética durante todo o ano debido á súa alta intervariabilidade anual (estacional)”.

“Os parques eólicos mariños na costa occidental da península ibérica son unha alternativa prometedora para reducir a dependencia enerxética"

Esta conclusión é “especialmente relevante”, xa que, como sinalan, “a península ibérica segue sendo en gran parte unha illa enerxética debido a un baixo nivel de interconexión co mercado eléctrico europeo”.

“Esta análise é un primeiro paso para o desenvolvemento de sistemas eólicos mariños e solares fotovoltaicos. As futuras investigacións deberían analizar as limitacións legais para a instalación de plataformas offshore e o equilibrio entre oferta e demanda debería estudarse cunha resolución temporal inferior (horaria ou diaria) en fases posteriores do proceso de planificación”, recoñecen.

En todo caso, recordan que “os avances técnicos xa permitiron a instalación de parques eólicos mariños flotantes, e actualmente están en proba outros avances, como o uso de parques solares fotovoltaicos flotantes”.

“Neste sentido”, engaden, “agárdase un rápido crecemento da instalación de parques eólicos mariños no oeste da península ibérica nas próximas décadas”.

“Os parques eólicos mariños na costa occidental da península ibérica son unha alternativa prometedora para aumentar a futura oferta de enerxías renovables e reducir a dependencia da enerxía importada de fóra de Europa”.

APOSTA DA UE

De momento, as augas galegas seguen libres de calquera tipo de instalación de parques enerxéticos, pero a maquinaria académica, industrial e política xa traballan para a súa instalación. Que Galicia se bote ao mar a producir enerxía semella inevitable.

A Unión Europea xa está apostando pola instalación de parques híbridos offshore co proxecto European SCalable Offshore Renewable Energy Sources (EU-SCORES), que ten como finalidade achandar o camiño á existencia de parques mixtos rendibles (solares, eólicos e undimotrices) en toda Europa para 2025.

Financiado con 45 millóns de euros, e baixo a dirección do Centro Holandés de Enerxía Mariña (DMEC), este proxecto lévase adiante para abaratar o custo total por MWh en alta mar, combinando vento, sol e ondas.

FOTOVOLTAICA EN AUGAS INTERIORES

Á par, investigadores da Universidad de Oviedo veñen de presentar os resultados doutro estudo no que avaliaron o potencial de paneis solares fotovoltaicos flotantes en España.  É necesario explicar que neste caso o que consideraron os investigadores foron as masas de augas superficiais na España continental, isto é, “partes diferenciadas e significativas de auga superficial, como un lago, un encoro, unha corrente, río ou canle, parte dunha corrente, río ou canle, unhas augas de transición ou un tramo de augas costeiras”, como así as define o Ministerio para a Transición Ecolóxica.

“Cubrindo o 10% da superficie de auga continental en España con placas solares horizontais, poderíase xerar o 31% da demanda eléctrica do país”

Segundo estes autores, “España podería cubrir preto do 31% da súa demanda de electricidade cubrindo só o 10% da superficie de masa de auga dispoñible”.

“Cubrindo o 10% da superficie de auga continental en España con placas solares horizontais, poderíanse xerar uns 80 TWh [teravatio-hora] ao ano, é dicir, o 31% da demanda eléctrica do país”, detallan.

Outro dato que destacan é que a fotovoltaica flotante podería reducir a electricidade non renovable en España nun 81% e as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 6%, “contribuíndo así a cumprir o obxectivo da Unión Europea para 2030”, destacan.

Neste punto, salientan que “aínda que o potencial de xeración da fotovoltaica flotante descende ata os 56 TWh anuais se se exclúen as masas de auga naturais, aínda representaría un substancial 22% da demanda eléctrica do país e o 51% da electricidade non renovable xerada”.

Os investigadores da Universidad de Oviedo cren que os distintos territorios do Estado “poderían beneficiarse do desenvolvemento de plantas fotovoltaicas flotantes, non só reducindo a súa dependencia dos recursos non renovables, senón tamén equilibrando a súa xeración e demanda de electricidade”.

E como era de agardar, os datos certifican que o potencial desta tecnoloxía “é maior nas rexións do sur”, particularmente en Estremadura e Andalucía. “Só a suma do potencial de xeración eléctrica con fotovoltaica flotante destas dúas rexións supera o 60% do potencial total do país e podería abastecer toda a súa demanda eléctrica”, engaden.

Con todo, recoñecen que non todas as masas de auga serían aptas ou accesibles para a instalación desta tecnoloxía, “especialmente aquelas zonas ambientalmente sensibles, como o Parque Nacional de Doñana, onde se atopan as dúas masas de auga con maior potencial de xeración eléctrica”, poñen como exemplo.

Pero tamén consideran que as súas estimacións sobre o potencial da fotovoltaica flotante “poden ser conservadoras”, xa que no estudo “se asumiu unha cobertura de superficie de auga baixa do 10%” e “as masas de auga cunha superficie pequena non están incluídas nos conxuntos de datos dispoñibles”.

A fotovoltaica flotante “é unha alternativa real de enerxía renovable que pode axudar a España a conseguir o obxectivo de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro"

Con base nos seus resultados, estes investigadores están convencidos de que a fotovoltaica flotante “é unha alternativa real de enerxía renovable que pode axudar a España a conseguir o obxectivo de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro do 55 % para 2030”.  Pero tamén recoñecen que son necesarios máis estudos para mellorar as avaliacións futuras do potencial de xeración de electricidade con esta tecnoloxía.

Segundo o Ministerio, na España peninsular hai 745 masas de augas interiores, o que supón unha superficie total de auga de 4.194 km2. Do total, 427 son masas de auga artificiais ou moi modificadas (correspondentes principalmente a masas de auga encoradas) que acadan unha superficie total de 3.074 km2.

Andalucía é a comunidade autónoma con máis masas de auga superficiais, con 152, seguida de Cataluña e Castela-A Mancha, con 112 e 108, respectivamente. Galicia sitúase no sétimo posto, con 47. De feito, e como explican os autores deste estudo, “as rexións do norte teñen menos masas de auga e, en xeral, menos superficie de auga continental que no sur”. Isto, sumado a que os territorios meridionais gozan de máis horas de luz solar que os setentrionais, fan destes territorios os mellores lugares para explorar a fotovoltaica flotante en masas de auga superficiais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta